----

O CONSELLO DA CULTURA CELEBRA DESDE MAÑÁ OS "IX ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA"

O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará este xoves e venres, días 20 e 21 de outubro, a novena edición dos "Encontros para a Normalización Lingüística". As xornadas, coordinadas por Susana Mayo, constitúen un foro de referenza anual para a análise da política lingüística na Comunidade ao que asisten más de 220 especialistas. O presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, o secretario do CCG, Henrique Monteagudo, e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López Martínez, inaugurarán os Encontros mañá xoves, ás 10:00 horas, na sede da Escola Galega de Administración Pública.

Entre os obxectivos desta iniciativa está contribuír á formación de especialistas en sociolingüística galega e crear un punto de encontro, reflexión, análise e debate das persoas que desenvolven o seu labor profesional nos diferentes servizos lingüísticos. Por elo, está prevista a asistencia de 220 persoas, a totalidade do aforo, composto por persoal dos servizos de normalización lingüística e servizos de tradución das diferentes administracións, profesionais que realizan funcións semellantes en entidades privadas, investigadores, xestores lingüísticos e estudantes de filoloxía galega.

As sesións de traballo comezarán coa intervención da secretaria xeral de Política Lingüística, que presentará as liñas programáticas da Xunta en materia de política lingüística para os vindeiros anos, e coa explicación dos obxectivos e funcións da Comisión de Seguimento e Impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Con esta presentación ante o sector do novo equipo de Política Lingüística da Xunta, os Encontros pretenden dar resposta á nova situación creada trala aprobación do Plan Xeral de Normalización Lingüística e o troco de Goberno.

O programa do primeiro día completarase cun achegamento á coordinación entre os servizos lingüísticos e ás funcións, actividades e posibilidades de colaboración entre os equipos lingüísticos das universidades galegas, que nos últimos anos están amosando unha gran implicación na situación da lingua galega. O segundo día as xornadas abordarán o papel da investigación e as institucións no futuro da lingua, tratando especificamente o caso da promoción do galego no exterior cos lectorados e cátedras. Para rematar, o director do CDSG ofrecerá unha conferencia sobre os aspectos operativos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Como novidade, o programa complementarase coa celebración dunha mostra de ideas, Proxecta, na que 22 empresas e institucións amosarán os seus proxectos, ideas e produtos.