O convenio establece que o Consello da Cultura subvencionará á Fundación Carlos Casares con 12.000 euros para o inventariado e clasificación da biblioteca, do arquivo persoal, da hemeroteca, do arquivo audiovisual, do arquivo epistolar e do arquivo de prensa do finado escritor galego. O acordo, que entra en vigor ao día seguinte desta sinatura, estará en vixencia ata o 15 de decembro de 2005.
Este acordo xorde no marco de actividades da Fundación Carlos Casares, unha entidade sen ánimo de lucro que ten entre as súas funcións a preservación do legado do escritor e a difusión e promoción da vida e obra de Carlos Casares e a da cultura galega. Nesta liña de actuacións, o Consello colaborará coa Fundación en virtude do seu interese na promoción, conservación e catalogación dos fondos documentais de escritores galegos, para facilitar o seu acceso aos investigadores e para contribuír á difusión da cultura galega.
Os fondos que se catalogarán son froito da dilatada e activa traxectoria cultural do escritor galego. Carlos Casares foi un destacado novelista e autor de relatos, con obras como Os escuros soños de Clío, Ilustrísima e Os mortos daquel verán, e escritor de literatura para nenos, con títulos como A galiña azul e as As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. A esta traxectoria literaria hai engadir outras múltiples facetas, como catedrático de Literatura, tradutor, colaborar habitual de xornais durante décadas, membro da Real Academia Galega, director de Galaxia e deputado, entre outras.
Xunto a esta indubidable significación dentro da cultura galega, a figura de Carlos Casares ten un valor engadido para o Consello da Cultura Galega por ter sido presidente desta institución desde 1996 ata a súa morte no ano 2002, unha etapa na que destacou polo seu afán de innovación e pola súa disposición dialogante e integradora coas persoas, colectivos e institucións da cultura galega.

