Estes encontros reúnen a preto dunha trintena dos mellores profesionais canarios, a catro xeracións de arquitectos que acaparan no seu haber a maior parte dos premios de arquitectura outorgados nas Illas nos últimos vinte anos, para ofrecer por primeira vez en Galicia unha visión sistemática da arquitectura canaria. A súa experiencia ante a arquitectura canaria, caracterizada por unha constante presión turística, faise especialmente interesante para abordar o necesario equilibrio entre arquitectura e paisaxe.
O profesor e arquitecto canario Héctor García advertiu sobre necesidade de "entender que o territorio é a arquitectura e os seus valores deben ser respectados como parte fundamental de calquera proxecto e construción". García sinala que antes de intervir na paisaxe é fundamental "absorber a súa imaxe", analizar e interpretar o medio no que se vai a asentar a obra. O obxectivo é que "todos os elementos do entorno estean conectados e que interacionen coa arquitectura de xeito harmónico". Conforme a estes postulados, boa parte da traxectoria deste arquitecto está composta por proxectos de recuperación de espazos naturais.
Para Héctor García, esta preocupación polo entorno cobra urxencia ao deterse a analizar os "desastres" cometidos nas Illas Canarias e noutras zonas de España, principalmente na costa, polo fenómeno da explotación turística. Neste senso, denunciou que os avatares políticos impediron moitas veces a correcta xestión do territorio e un cambio de política cara unha actitude máis respectuosa.
O encontro "A Arquitectura desde Canarias" continuou esta mañá coas intervencións de Manuel Feo, María Luisa González García e José Antonio Sosa Díaz-Saavedra. Xa pola tarde está prevista a intervención de Virgilio Gutiérrez, Antonio Corona, Arsenio Pérez, Eustaquio Martínez, Juan Antonio González, Urbano Yanes, e Félix Perera.
As xornada continuarán mañá sábado, día 1 de outubro, cunha homenaxe á xeración de arquitectos de referenza en Canarias e representada nas figuras de Rubens Henríquez, Manuel Roca, Agustín Juárez e Vicente Saavedra. Virgilio Gutiérrez, decano do Colexio de Arquitectos de Tenerife e coordinador do encontro xunto a Iago Seara, destaca que estes profesionais constitúen unha referenza esencial na cultura canaria xa que, ante o impulso turísticos dos anos 60, incorporaron á arquitectura das Illas, ata daquela dominada polo ecleticismo e o neocolonialismo, ao Movemento Moderno.
ARQUITECTURA E IDENTIDADE
Este encontro constitúe a sexta edición de xornadas que desde fai dous anos vén realizando a Sección de Arquitectura do CCG baixo o título "Arquitectura e Identidade Cultural". En maio de 2003 celebráronse as primeiras xornadas, "A Arquitectura desde Lisboa", que pretenderon estreitar os lazos culturais co país veciño a través da reflexión sobre a arquitectura lisboeta. A esta edición, seguíronlle sucesivas xornadas sobre a arquitectura en Cataluña, País Vasco e Navarra, Madrid e Andalucía.
Está previsto que a iniciativa continúe coa celebración doutras xornadas sobre Porto, Galicia e unha conxunta de diferentes focos de especial interese arquitectónico da Península (como Castela e León). Froito desta interación de escolas e xeografías está previsto a edición dunha publicación que será pioneira no seu ámbito e na que terán presenza figuras de recoñecido prestixio como Federico Correa, Mansilla & Tuñón, Josep Llinás, Juan Navarro Baldeweg ou Cruz & Ortiz xunto a novas xeración representadas por profesionais como José Morales e Cristina Díaz & Efrén García.

