----

ARQUITECTOS CANARIOS E GALEGOS REIVINDICAN O VALOR DO LOCAL NA ARQUITECTURA DE REFERENZA

As xornadas "A Arquitectura desde Canarias" deron comezo esta mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) reivindicando o protagonismo da identidade cultural local na actual arquitectura de referenza. Este encontro reúne a preto dunha trintena de arquitectos canarios e a medio centenar de profesionais e estudantes galegos para reflexionar sobre o feito arquitectónico e intercambiar experiencias e coñecementos entre as dúas comunidades.

Durante a inauguración esta mañá das xornadas, Iago Seara, responsable da Sección de Arquitectura do CCG e co-coordinador do encontro, advertiu que "a arquitectura que hoxe en día se considera de rigor, de referenza, é aquela na que convive o local e o global", aquela na que conflúen e interacionan influenzas da identidade cultural propia do territorio na que xorde coas achegas do contexto global. Dentro deste intercambio, Seara sinala que as xornadas "A Arquitectura desde Canarias" pretenden promover a reflexión sobre a arquitectura, normalizar o seu papel como manifestación da identidade cultural dun país e contrastar a situación en Galicia coa doutros territorios de especial significación.

Neste senso, o decano en funcións do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Mariano de Lara, salientou o valor deste tipo de iniciativas e amosou a súa confianza en que este encontro "sexa especialmente beneficioso para seguir afondando no valor da arquitectura como parte da identidade cultural dun territorio".

Pola súa banda, Virgilio Gutiérrez, decano do Colexio de Arquitectos de Tenerife e coordinador do encontro xunto a Iago Seara, salienta a excepcionalidade do encontro xa que, sinala, os arquitectos que participan nas xornadas acaparan preto do 70% dos premios de arquitectura outorgados nas Illas nos últimos 20 anos e a catro xeración de arquitectos. Profesionais consagrados e membros das novas xeracións, como Manuel Feo, Rubens Henríquez, Juan Antonio González, Urbano Yanes e Félix Perera comparten tres días de debate e reflexión sobre as súas traxectorias e postulados, tendo como marco xeral de traballo a riqueza e a variedade cultural deste territorio.

Gutiérrez destaca especialmente a homenaxe que o sábado se lle dedicará aos arquitectos Rubens Henríquez, Manuel Roca, Félix Juan Bordes, Agustín Juárez, Javier Díaz-Llanos e Vicente Saavedra, membros dunha xeración de referenza na arquitectura insular. En conxunto, un encontro de escolas e xeración que, sinala, nunca antes se realizara, nin sequera no marco da propia Comunidade Canaria, polo que agradeceu especialmente o feito de que Galicia se interese polo traballo e a obra dos profesionais isleños nun proxecto desta envergadura.

Para comezar estes tres días de debate e reflexión, o catedrático da Escola de Arquitectura de Las Palmas, Manuel Martín, expuxo algunhas das principais características que identifican a arquitectura realizada desde Canarias: o diálogo permanente coa paisaxe, o diálogo entre a nova arquitectura e o entorno natural e urbano no que se asenta, a posta en valor da paisaxe a través da intervención, e o protagonismo das formas e dos materiais tradicionais canarios.

PROXECTO PIONEIRO

Estas xornadas forman parte do proxecto do CCG "Arquitectura e Identidade Cultural", nadas co obxectivo de realizar un achegamento sistemático á arquitectura de territorios españois e portugueses de especial significación cultural. En maio de 2003 celebráronse as primeiras xornadas, "A Arquitectura desde Lisboa", á que lle seguiron sucesivos encontros sobre a arquitectura en Cataluña, País Vasco e Navarra, Madrid e Andalucía. Nelas, figuras de recoñecido prestixio como Federico Correa, Mansilla & Tuñón, Josep Llinás, Juan Navarro Baldeweg ou Cruz & Ortiz expuxeron a súa obra xunto a novas xeración representadas por profesionais como José Morales e Cristina Díaz & Efrén García.

O presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, destacou na inauguración das xornadas que esta iniciativa enmárcase "dentro da atención que desde a primeira institución de Galicia vimos prestando a outros ámbitos culturais e a outras propostas e expresións nun intento de tender pontes de coñecemento, cooperación e intercambio que consideramos imprescindibles".