----

O Pleno do Consello da Cultura Galega aprobou a creación de seis grandes Seccións e as liñas de traballo para 2009

<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/07/pleno_100708.jpg" alt="pleno_100708.jpg" />

<em><div id="pedefoto">Pleno do Consello da Cultura Galega, celebrado este xoves, 10 de xullo de 2008</div></em>

<em>Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2008.</em>- O Pleno do Consello da Cultura Galega aprobou esta tarde o plan de actividades e o anteproxecto de presuposto para 2009. Tamén agradeceu a aprobación, no día de hoxe por parte do Consello da Xunta de Galicia, do novo Regulamento de Réxime Interno. O Pleno deu o visto e prace á creación de seis grandes Seccións e á designación dos seus coordinadores. A sesión celebrouse no ecuador dun ano no que a institución está a conmemorar o seu primeiro cuarto de século con actividades, centradas particularmente nos foros de debate e exposicións dentro e fora de Galicia, baixo o lema “crear cultura, imaxinar país”. O Consello da Cultura Galega, institución estatutaria de carácter asesor e consultivo e con capacidade de iniciativa, investigación e organización, foi creada por Lei do Parlamento de Galicia (Lei 8/1983 do 8 de xullo).


<!--more-->

O novo Regulamento fixa dous períodos de catro anos para todos os membros e cargos da institución: Presidente e integrantes da Executiva, membros do Pleno e coordinadores e componentes das Seccións.

As seis Seccións que marcarán as pautas do traballo do CCG e os seus coordinadores son:

Lingua, Literatura e Comunicación (Victor F. Freixanes).

Música e Artes Escénicas (Ramón Castromil Ventureira).

Ciencia, Natureza e Sociedade (Francisco Díaz-Fierros).

Patrimonio e Bens Culturais (Iago Seara Morales).

Pensamento e Sociedade (Ramón Máiz Suárez).

Creación e Artes Plásticas (María Luísa Sobrino).

Cada Sección contará cun máximo de quince integrantes e estarán constituídas, a máis tardar, no mes de setembro.

Xunto coas Seccións seguirán os catro Arquivos: Emigración Galega, Comunicación, Sonoro e Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, así como varias Comisións Técnicas.

REDE COS CENTROS DE ESTUDOS LOCAIS

O Pleno fixou as pautas para o Plan de actividades-2009, que consolida liñas de traballo xa iniciadas baixo a Presidencia de Ramón Villares: apoio ás actividades da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), realización de informes sobre algúns contidos concretos da Cidade da Cultura, foros de debate e ciclos (Palestras maxistrais, Os Sentidos das Culturas, etc), accións para a proxección exterior da cultura e a imaxe de Galicia e a creación dunha rede cos Centros de Estudos Locais, coordenada desde o CCG.

Ademais o Pleno sinalou temas que han orientar e especializar a programación en 2009: a diversidade cultural de Europa, a pluralidade cultural ibérica ou a posición de Galicia en (e desde) os países de lingua portuguesa, nomeadamente Brasil.

Un dos encontros a programar estará dedicado a Ramón Piñeiro, primeiro Presidente da institución e a quen a Real Academia Galega dedicará o Día das Letras Galegas-2009.

O Pleno aprobou tamén a Memoria de actividades-2007 e a continuación da colección “Clásicos en galego”, que permitirá ler en galego ós autores gregos e latinos.

Asemade sairon adiante as propostas para a realización de informes sobre a situación da lingua en Galicia e a musealización da Emigración Galega.