----

A Xornada sobre “A cultura impresa na Rede” subliñou as dúbidas arredor dos novos modelos de negocio

Sobre as expectativas e as dúbidas arredor dos novos modelos de negocio para as empresas de comunicación e as industrias culturais reflexionaron hoxe no Consello da Cultura Galega xornalistas, analistas e editores. A xornada “Cultura impresa na Rede: gratis total? Modelos de pago por contidos culturais para a sociedade dixital: Unha vía para a economía sostible da industria” propiciou un debate sobre as incertezas da encrucillada resultante do cambio de paradigma, do analóxico ao dixital, unha transformación derivada dun profundo cambio social, segundo o consultor Rafael Cabarcos. Un panorama difícil nun contexto de crise xeral, acrecentada nos medios de comunicación pola caída das vendas, a diminución dos ingresos, a reducción das plantillas e a falta de solucións adecuadas que económicamente funcionen. O debate abriu interrogantes.
A Xornada sobre “A cultura impresa na Rede” subliñou as dúbidas arredor dos novos modelos de negocio

Pola mañá interviron Rafael Cabarcos (consultor do Institute for Media Development), que falou da “adaptación dos perfís profesionais aos novos modelos do ecosistema dixital” ou de qué maneira facer máis e mellor con menos profesionais peor pagados. “É complicado replantexar profesión, servizo á cidadanía e cambio do modelo de negocio, pero hai que intentalo”, dixo.
Ramón Alonso (director de “Kiosko y Más”) e Julio Miravalls (director adxunto de “El Mundo en Orbyt), referíronse ás súas particulares experiencias, que van abrindo camiño, aínda que, en boa medida, os ingresos das edicións impresas seguen aportando máis do oitenta por cento da facturación.

Pola tarde falaron Juan Triviño, editor e especialista en edición dixital, sobre “a industria do libro en transformación” e o escritor, xornalista e editor Víctor F. Freixanes moderou unha mesa redonda sobre “os desafíos dixitais dos editores e dos xornais de Galicia”, na que falaron Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, e os responsables das edicións dixitais de “La Voz de Galicia”, “El Correo Gallego” e “El Progreso”, Tomás García Morán, Xavier Cea e Juan Méndez, respectivamente.

A xornada foi organizada polo Consello da Cultura Galega e coordinada por Francisco Campos, Victor F. Freixanes e Manuel Goyanes.