----

A Xornada “Arte + Crise Social” subliñou as dificultades da proxección artística nun tempo de incertezas

O Consello da Cultura Galega acolleu hoxe a xornada de debate “Arte + crise social”, organizada pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, que coordina María Luísa Sobrino. Especialistas, artistas e críticos dialogaron sobre a función social da arte e os compromisos fronte ás situacións críticas na era do capitalismo global, “do modelo biopolítico hexemónico que intenta programar un novo modo de vida”, en palabras da profesora Teresa Vilarós. As sesións subliñaron as dificultades da inserción da Arte -asociada na súa configuración ao século XIX- nun tempo de precariedades e incertezas como o presente.

Plantexada como un diálogo aberto, a xornada abriuse coas reflexións sobre “Topoloxía dunha crise. Arte, capital, biocapital”. Teresa Vilarós-Soler, profesora de Estudos Hispánicos da Texas A&M University, conversou con Federico López Silvestre, profesor de Historia das Ideas Estéticas da Universidade de Santiago.

Elena Vozmediano, crítica de arte e colaboradora do suplemento “El Cultural”, falou sobre “Crítica e crise” con Natalia Poncela, crítica de arte e comisaria de exposicións. O diálogo explicitou algunhas das dificultades para o exercicio da crítica, a crise da crítica.

Os artistas audiovisuais Manuel Figueiras e Miguel Mosquera abordaron o tema “Revisión do compromiso”, que consideraron particularmente necesario no momento actual por parte dos axentes culturais.

Por último sobre “Feminismo contra crise social. Máis alá do patriarcado capitalista. Tecnoloxía, resistencia e empoderamento na loita contra a violencia de xénero” falou Mau Monleón, artista visual e profesora na Facultade de Belas Artes da Universitat Politècnica de València, que dialogou con Mar Caldas, artista visual e profesora na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

O programa da xornada Arte + crise social, de carácter gratuíto e cun aforo limitado a 35 persoas, foi coordinado por María Luísa Sobrino, catedrática de Historia da Arte da Universidade de Santiago, e polo xornalista e crítico Camilo Franco.