O perfil autorial singular de Rosalía, na expresión de Pilar García Negro, fusiona tres “excentricidades”: muller, galega patriota e escritora independente e inclúe un particular I+D+i (Independencia+Denuncia+innovación). O perfil dunha creadora auroral, fundadora dunha literatura nacional, a escritora que “non se adaptou ao modelo reservado ás literatas”. Neste aspecto a profesora María López Sandez complementou a intervención de García Negro.
Sobre a necesidade dunha biografía canónica de Rosalía reflexionou a profesora Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, que aludiu tamén ao papel desempeñado polo marido da escritora, Manuel Murguía, “mediatizador de grao e por forza da presenza pública da súa muller”. María do Cebreiro Rábade sumouse a esas reflexións e reivindicou a necesidade dunha biografía da autora de “Follas novas” que describa como a escritora “viviu, sentiu, escribiu e pensou”.
Unha mesa redonda moderada por Marta Pérez Pereiro, profesora de Ciencias da Comunicación da USC, con Helena Miguélez, profesora de Estudos Hispánicos da Bangor University (Gales); Arantxa Serantes, investigadora predoutoral da USC, e Fernando Pereira Bueno, profesor de Ciencias Sociais no IES “Carlos Casares” de Vigo, analizou “As imaxes en Rosalía, as imaxes de Rosalía”. Miguélez percorreu a Casa da Matanza. Serantes achegouse á Rosalía pensadora e Fernando Pereira analizou a evolución iconográfica da imaxe dun “simbolo cultural e nacional”.
O congreso internacional “Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada”, que comezou o pasado 28 de febreiro, completará as súas sesións os últimos xoves de abril, maio e xuño. Foi organizado polo Consello da Cultura Galega a través dun comité formado por Rosario Álvarez, Anxo Angueira, María do Cebreiro Rábade e Dolores Vilavedra.


