----

Novos avances para o galego no ámbito tecnolóxico

Estes días tivemos coñecemento dalgunhas novidades que demostran que o galego continúa a dar pasos no camiño da súa normalización no ámbito tecnolóxico.
Por unha banda, Tuenti anuncia unha nova aplicación para o Windows Phone que lles permitirá aos usuarios deste sistema operativo acceder desde o seu móbil á rede social Tuenti en galego. Por outro lado, os usuarios do navegador Firefox tamén recibiron boas novas esta semana. O Firefox 20 xa está dispoñible en galego para Windows, Mac e Linux. Así mesmo, grazas ao traballo colaborativo dos propios internautas, neste caso de Antón Méixome, o Buscatermos (base terminolóxica da USC) pode consultarse directamente desde o propio Firefox.