Dramaturgo, autor, actor e escenógrafo, Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002), é, en palabras de Ramón Villares, “un dos inventores do teatro galego da contemporaneidade, un pioneiro da dramaturxia profesional en Galicia”.
Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego, falou da figura agora homenaxeada como “un gran autor, un nome importantísimo, auroral, do noso teatro”.
O profesor Manuel Quintáns, sogro do dramaturgo, lembrou que Vidal Bolaño “representa o teatro galego” e Blanca Quintáns, a súa viúva, expresou a ledicia pola edición, que considerou “fermosa”, deste texto inédito e agradeceu a iniciativa do Consello da Cultura Galega.
Ramón Villares subliñou a capacidade do dramaturgo para converter en expresión culta a tradición popular e referiuse á obra inédita, agora publicada en edición facsimilar como “unha contribución ben representativa da personalidade de quen dominou os segredos da escena como reflexo da vida e, por iso mesmo, soubo ver a rúa e a vida como un grande escenario para gozar e rir, aprender e compartir”.
O libro-homenaxe, co facsímile da inédita “Ruada das papas e o unto”, inclúe un limiar de Ramón Villares, “Roberto Vidal Bolaño, unha vida para o teatro galego”, e estudos de dous especialistas no mundo teatral: Camilo Franco (“Todo é transición”) e Inma Lópe Silva (“O espectáculo total que nutre a literatura. Unha lectura da Ruada das papas e o unto”).


