----

Doces Cantares en homenaxe a Rosalía de Castro e a Vidal Bolaño

O Consello da Cultura Galega presenta unha nova edición do Concerto “Día das Letras Galegas”, que terá lugar o vindeiro xoves 16 de maio, ás 20 horas, na igrexa de san Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Con este recital que leva por título “Aqueles doces cantares”, o CCG quere homenaxear este ano as figuras da poeta Rosalía de Castro e o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, interpretando musicalmente 36 cantares que serán ao tempo dramatizados. Para a organización do recital, o CCG contou coa colaboración da Asociación Galega de Compositores, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
A entrada ao concerto será libre ata completar aforo.