<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/06/maiz_phillips.jpg" alt="maiz_phillips.jpg" />
<em><div id="pedefoto">Ramón Maiz e Anne Phillips, na conferencia que se realizou na Biblioteca do Consello. Foto: CCG</div></em>
<em>Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2008</em>.- "Unha das ironías do proxecto multicultural consiste en que algunhas versións poden levarnos a considerar a pobos e culturas máis diferentes do que son e eso contribúe a fomentar unhas formas de estereotipos culturais que agora axudan a avivecer un sentimento de oposición ó multiculturalismo". A afirmación é de Anne Phillips, profesora de Teoría do Xénero no Gender Institute da London School of Economics and Political Science, que hoxe falou sobre "Multiculturalismo sen cultura" no seminario "Os sentidos das Culturas", organizado polo Consello da Cultura Galega e coordinado por Ramón Máiz.
<!--more-->
Anne Phillips referiuse ós tres asertos nos que se basea o multiculturalismo: o interese da xente pola cultura, a multiplicidade de culturas e a atención preeminente ós grupos culturais maioritarios.
Se a cultura lle importa á xente, "será negativo cualificar de trivial ou desprezar unha identidade cultural e deberemos considerar que vivimos en sociedades multiculturais e non monoculturais". Tampouco non deberemos perder de vista o feito de que "a lexislación, as normativas e as institucións de calquera sociedade adoitan primar a identidade e os intereses dos grupos culturais maioritarios, mesmo cando, polo seu modo de elaboración, non deberían en principio facer diferenzas por razón da cultura".
A conferenciante considerou que estas tres características teñen unha implicación política abondo clara: "para acadar a igualdade entre os cidadáns é necesario revisar a lexislación, as normativas, as institucións e as convencións a fin de detectar prexuízos tanto non intencionados como deliberados e, cando proceda, modificalas de xeito que reflictan a diversidade cultural".
Anne Phillips defende o multiculturalismo "sempre e cando nel non imperen as concepcións entronizadas e esenciais de cultura", pero engadiu que nos últimos anos "todos os modos de multiculturalismo se puxeron á defensiva e Europa, dunha banda á outra, afastouse bruscamente da retórica do multiculturalismo nun movemento cuxas consecuencias son aínda descoñecidas na práctica".

