----

O Consello da Cultura presenta en Sada un libro-escolma dos traballos xornalísticos de Ramón Suárez Picallo durante o seu exilio en Chile (1942-1956)

<em>Santiago de Compostela, 28 de maio de 2008</em>.- O libro "La feria del mundo. Crónicas desde Chile (1942-1956)", unha escolma das crónicas e artigos escritos na prensa chilena polo destacado galeguista, republicano e exiliado, Ramón Suárez Picallo, editado polo Consello da Cultura Galega (CCG), será presentado o día 29 ás oito da tarde na Casa da Cultura de Sada (A Coruña) no marco das xornadas que o concello sadense dedica ós irmáns Ramón e Antón Suárez Picallo. Na presentación intervirán: Edmundo Moure Rojas, editor e compilador, profesor da Universidade de Santiago de Chile, e Xosé López García, coordinador da edición e vicepresidente do CCG.


<!--more-->

Ramón Súarez Picallo (Sada, 1892-Bos Aires, 1964) foi un destacado dirixente político, deputado, orador brillante e xornalista, sempre fiel ó ideario republicano e galeguista. Este libro permite coñecer unha das súas facetas, a xornalística, menos coñecida. Tamén polo feito de terse desenvolvido en grande parte no exilio.

"La feria del mundo", que o Consello da Cultura Galega presenta na súa colección "Base", foi coordinado por Rosa Aneiros Díaz e Xosé López García, quenes explican así o contido das máis de catrocentas páxinas: "Picallo escribe sobre as lembranzas da infancia, da rabia pola guerra que desangrou o país ou dos exiliados que deambulan desterrados por América, pero tamén das vivencias chilenas, da explotación pesqueira, do cultivo da pataca, do devir da guerra mundial, de fertilizar a terra con nitrato ou dos talentos literarios. A relación de artigos escollidos permitirá comprender a ollada nítida e crítica do sadense sobre unha realidade amarga pola distancia forzosa. Tamén a dor polos ausentes, o seu profundo galeguismo e a esperanza, que se borra lentamente, de que os países democráticos acudan á chamada da España da posguerra".

Pola súa parte, Edmundo Moure Rojas e Carmen Norambuena Carrasco, profesores da Universidade de Santiago de Chile, editores e compiladores do traballo, destacan o grande número de artigos e crónicas saidas da pluma de Ramón Suárez Picallo nos seus dezaseis anos de exilio en Chile. Na súa maioría baixo o título xenérico "La feria del mundo", estes aportes xornalísticos constitúen máis do oitenta por cento de toda a obra escrita do autor.


"A prosa de Suárez Picallo, escriben os editores, é áxil e certeira, dotada dun estilo descritivo abundante en expresións discursivas propias do hábil orador político de formación autodidacta que era, aprendido nas lides oratorias paralamentarias dos seus tempos de deputado galeguista nas Cortes da II República".

O acto de presentacin deste libro abrirá o programa das I Xornadas "Irmáns Suárez Picallo", organizadas polo Concello de Sada e que incluén conferencias e mesas redondas, un concerto coral, a proxección do documental "Don Ramón na Memoria", un roteiro pola Sada dos Irmáns Suárez Picallo e unha exposición que pode verse ata o 31 de maio na Casa da Cultura "Pintor Lloréns", de Sada.