<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/05/maiz_villacanas_villares.jpg" alt="maiz_villacanas_villares.jpg" />
<em><div id="pedefoto">Ramón Máiz, José Luís Villacañas e Ramón Villares, na conferencia que se celebrou na Biblioteca do Consello. Foto: CCG</div></em>
<em>Santiago de Compostela, 22 de maio de 2008.</em>- “A aceleración do presente lévanos a un futuro cada vez máis ignoto e para ocultar a ansiedade que esto nos produce falamos cada vez máis do pasado”. José Luís Villacañas Berlanga, catedrático de Filosofía Moral e Política da Universidade de Murcia, reflexionou así na súa ponencia titulada “Recordar e olvidar” coa que participou no seminario “Os sentidos das Culturas”, organizado polo Consello da Cultura Galega e coordinado por Ramón Máiz.<!--more-->
Para o conferenciante, que traballou como Profesor de Investigación no Centro Superior de Investigacións Científicas (1995-1997) e foi Director Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas da Generalitat Valenciana (1999-2003), a hipertrofia da memoria “sería un intento desesperado por vivir nun escenario familiar para escapar dun futuro completamente estraño”. O profesor Villacañas recordou que a memoria é un vello mecanismo evolutivo destinado a mellorar as prestacións dos organismos, e a súa traducción biolóxica é a memoria inmunolóxica. Salientou que a memoria cultural “e un expediente humano moito máis recente destinado a mellorar as prestacións dos organismos que son os grupos humanos, as “comunidades de transmisión”. Esta innovación da memoria cultural “asegurou a hexemonía do ser humano sobre as demais especies”. A cuestión é saber se o sistema “inmunolóxico cultural” conseguiu unha eficacia semellante á “memoria inmunolóxica”. O desafío da memoria é vencer o tempo, tal como resume a mensaxe da filosofía e do cristianismo. “A súa verosimilitude reside na capacidade de fundar comunidade e resistir o olvido con algo máis que un eficaz recordo, pois trátase dunha experiencia verdadeira que otorga un novo presente ó pasado”. Vale dicir que sen comunidades de transmisión, dotadas dun ethos específico, esas experiencias e esa reactualización do pasado estarían perdidas. Obsesión polo pasado e hipertrofia da memoria foron explicados pola aceleración do tempo histórico presente, os profundos cambios sociais, a unificación e a homoxeneización das formas de vida e o desarraigo. Todo eso suscita inquietude e dese desacougo deriva a necesidade de memoria. “A nosa sociedade non pode vivir só da experiencia dun presente cada vez máis mudable e precisa, para dotarse dun sentido da continuidade, seleccionar os recordos para establecer un pasado común. Porque a memoria é un elemento imprescindible da formación dos grupos humanos. O conferenciante referiuse ás tres grandes variables da memoria e ás tres grandes formas de constituir identidade: moral-relixiosa, político-mítica e estética. Formas de recordo destinadas á configuración dunha memoria moral da humanidade. Formas dirixidas á formación dunha memoria política de grupos -con frecuencia enfrontados á conciencia moral- e formas de recordo para a formación de grupos asentados na memoria estética. Esas tres variables “constitúen un orde que vai desde o recoñecemento da unidade do xénero humano ata a existencia de sociedades fráxiles e temporais, fragmentarias e parciais, baseadas en experiencias consideradas interesantes. Todas xogan con todas as disponibilidades técnicas que permite a industria e móvense nun espazo disposto pola expansión capitalista como arquivo posible”. Pero ese arquivo globalizador, democrático e sometido ós impulsos do usuario conduce a un escenario no que ningunha memoria se estabiliza. Xa non hai poder para ofrecer a versión oficial porque sempre se abre camiño unha posibilidade alternativa. “Entre o que se chamou “museificación da memoria” e o “act of transfer” non hai senón mediacións azarosas. O pasado, mesmo o persoal, sempre é un pasado mediado –mediado polos media, desde logo, pero non hai mediación representativa, coactiva, única, aceptable. Os poderes teñen peso, pero ningún ten por sí mesm o a hexemonía”. A dificultade reside en que sabíamos qué ethos aplicar á nosa comunidade coa memoria moral e coa memoria política “pero ambas son cada vez máis despreciables respecto á memoria que mata o aburrimento, a memoria estética e unha sociedade volcada nesa memoria esquece aquelo que fai posible entregar a liberdade a matar o aburrimento: as condicións de vida morais e políticas adeucadas. Así unha sociedade como a nosa está disposta a esquecer o que é a propia condición necesaria do seu disfrute. Se o poder non é “control dos comportamentos”, senón sobre as súas precondicións, daquela o poder real deasapareceu porque ninguén asegura a memoria das precondicións do universo da liberdade”.
José Luís Villacañas aludiu por último ós estudios culturais que teñen como vértebra a cuestión da memoria e afirmou que configuran “comunidades de historia-memoria, anticorpos que identifican as estruturas patóxenas do noso presente e que nos alertan contra os grandes perigos da especie humana, unha humanidade sen conciencia moral, sen conciencia política e sen conciencia estética. Unha humanidade que aspire a resistir a esa situación que, a un profundo coñecedor do noso mundo como Max Weber, xa lle parecía a vida inaceptable de especialistas sen espíritu ou de estetas sen corazón".

