Villares destacou a gran capilaridade cultural da cultura
galega pero sinalou que "precisa unha presenza institucional". O Presidente do CCG destacou que o "nacemento do CCG mana das mesmas fontes nas que nace o río da autonomía", pero adaptándose aos tempos. "A idea de preservar os valores culturais do pobo galego foi desenvolvida", sinalou Villares, quen salientou a proximidade ao sector da cultura como un dos retos: "o sector demanda máis confianza no porvir".
No acto participaron tamén o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a Presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo. Núñez Feijóo destacou un dos proxectos dixitais do CCG, os Roteiros da Cultura, como unha expresión do vínculo da cultura galega co territorio, e destacou que a cultura galega está ao día nas novas tecnoloxías grazas "aos proxectos do Consello". Pilar Rojo felicitou ao CCG por "explorar novos espazos para a cultura galega día tras día". Os membros do Plenario do CCG estiveron
acompañados por unha destacada representación das institucións e entidades culturais de Galicia. e pola interpretación ao piano de Brais González.
Tres persoeiros da cultura galega vinculados en diferentes momentos ao Plenario do Consello da Cultura Galega contaron as súas vivencias e reflexións ao redor do CCG e a súa constitución. "O Consello responde a unha Galicia moderna e complexa", afirmou Víctor F. Freixanes, quen reflexionou sobre as relacións entre o poder político e o CCG: "Algunhas veces a súa independencia non sempre foi entendida". "A súa creación foi motivo de orgullo e esperanza do pobo galego", destacou Helena Villar, quen
sinalou como unha das principais achegas do CCG "a estensión do concepto de cultura a novos ámbitos". Domingo Docampo sinalou o interese do CCG en conciliar a cultura científica e a humanística no seo da institución.
Un documental para todos os públicos
Durante o evento proxectouse un extracto do documental 30 anos imaxinando país, realizado polo director mozo Toño Chouza coa produción e a dirección de proxecto dos técnicos do Consello da Cultura Galega. O documental narra os obxectivos e funcionamento do CCG, explora os amplos fondos preservados nos seus arquivos e indaga o seu futuro.
b>Cinco presidentes/b>
O Consello da Cultura Galega foi creado conforme ao artigo 32 do Estatuto de Autonomía de Galicia. O Parlamento de Galicia aprobou a Lei do Consello o 8 de xullo de 1983. Desde entón, o CCG tivo catro presidentes: figuras imprescidibles da cultura galega na historia do século XX: Ramón Piñeiro, Xosé Filgueira Valverde, Carlos Casares, Afonso Zulueta de Haz ata o Presidente actual, Ramón Villares.


