<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/05/mesa_segundo_dia.jpg" alt="mesa_segundo_dia.jpg" />
<div id="pedefoto"><em>Albino Prada, Pierre Donadieu, Rafael Mata e Federico López Silvestre, durante a terceira sesión do foro</em></div>
<em>Santiago de Compostela, 9 de maio de 2008</em>.- “A conflictividade territorial contemporánea, vehiculada a través da paisaxe, reflicte en boa medida o medo á perda do sentido do lugar”, afirmou Joan Nogué, catedrático de xeografía e director do Observatorio da Paisaxe de Cataluña, na súa intervención no foro de debate <a href="http://consellodacultura.org/?page_id=411">“Olladas críticas sobre a paisaxe”</a>, que esta tarde concluiu no Consello da Cultura Galega. A segunda sesión do foro contou tamén, entre outras, coa intervención de Pierre Donadieu, agrónomo e xeógrafo e Director de Investigación da Escola Nacional Superior de Paisaxe de Versalles (Francia).
<!--more-->
Joan Nogué estimou clave o tema das relacións entre a paisaxe e o sentido de lugar “porque permite entender mellor a conflictividade territorial contemporánea no marco da complexa e poliédrica tensión dialéctica entre o global e o local”. Trataríase, polo tanto, de garantir ó cidadán que non perderá o sentido de lugar e que a súa paisaxe evolucionará e se transformará conservando o seu carácter “e que se este debe variar farase de xeito consensuado e participado”. Nogué reflexionou previamente sobre o papel da paisaxe na formación e consolidación de identidades territoriais a todas as escalas e interpretou a conflictividade territorial contemporánea “como reflexo da perda desa identidade e, á súa vez, do sentido de lugar”. Pierre Donadieu preguntouse pola aceptación das políticas paisaxísticas públicas por parte das sociedades rurais euroepas e dividiu en catro categorías as relacións cos espazos agrícolas e arborados: favorecer a agricultura e a xardinería de servizos a escala local, favorecer o mantenemento de agroindustrias, favorecer tamén as economías residenciais e turísticas ou ben poñer en marcha proxectos rexionais desde unha perspectiva de desenvolvemento sostible localizado. Para Donadieu os agricultores veranse en duas situacións moi diferentes: “ou pretenderán resistirse ó proxecto paisaxístico público e sostible, escapando del (deslocalización fóra de Eropa ou lonxe das cidades) ou integrarano nas súas actividades comerciais para facer del, xunto cos habitantes dos territorios e rexións agrícolas, un activo local para o desenvolvemento sostible”. O agrónomo fancés entende que corresponde ós poderes públicos das colectividades, especialmente as urbanas, atopar as regras de gobernanza necesarias “para elixir e enmarcar estas mudanzas”. A xornada comezou coa presentación do catálogo das paisaxes ibéricas por parte de Rafael Mata, catedrático de Xeografía da Universidade Autónoma de Madrid. Materializado no “Atlas de los Paisajes de España”, o traballo enmárcase “no crecente interese social e político pola paisaxe como patrimonio ambiental e cultural, como recurso e como seña de identidade e elemento de calidade de vida”.Cunha salvedade iomportante derivada do feito de que a paisaxe é entendida agora como unha cualidade de todo o territorio, “que por esa razón reqauire algún tipo de acción paisaxística, de protección nuns casos e de xestión ou ordenaciòn na maior parte deles”. Nesta segunda e derradeira xornada interviu tamén Raffaele Milani, profesor de Estética da Universidade de Boloña (Italia), que falou da paisaxe como institución da estética. En calidade de retrucantes participaron Pablo Ramil, profesor de Bioloxía da Universidade de Santiago e director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural; Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago; Albino Prada, profesor de Economía da Universidade de Vigo; Marcial Gondar, catedrático de Antropoloxía Social da Universidade de Santiago, e Jacobo García Álvarez, profesor de Xeografía da Universidade Autónoma de Madrid. O foro de debate “Olladas críticas sobre a paisaxe”, coordinado por Francisco Díaz Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega, e Federico López Silvestre, profesor de Estética da Universidade de Santiago, contou con cen participantes inscritos e con relatores procedentes de universidades galegas, españolas, portuguesas, francesas e italianas. É o segundo dos seis foros de debate que ó longo de 2008 organizou o Consello da Cultura Galega para conmemorar os seus 25 anos (1983-2008).

