----

O Observatorio da Cultura Galega constata a caída e os cambios de hábito no consumo do cine

Galicia é a comunidade autónoma con peores datos de asistencia a cines, só por riba de Estremadura e Ceuta e Melilla, pero o espectador realiza un gasto medio na sala por riba da media española. A caída do número de cines contrasta co incremento de salas nas grandes cidades galegas, sinal dunha industria en plena transformación. E neste contexto, en Galicia os consumidores apostan máis polo cine español que polo estranxeiro. Pode consultar o informe completo aquí

Así o constata a última análise do Observatorio da Cultura Galega, un departamento do Consello da Cultura Galega dedicado á análise e avaliación continua dos datos do sector cultural en Galicia.

Caída de espectadores
Segundo o informe, os datos de asistencia a salas de exhibición de cine levan en caída case ininterrompida dende 2004. Como era de esperar a crise económica non beneficiou ao sector, pese a un pequeno rebrote na asistencia en 2012. Así, cómpre salientar que entre o 2004, no que se rexistra a cifra total máis elevada de espectadores de cine en Galicia, 5,9 millóns, e o 2008 o número de espectadores descendeu en 2 millóns, aínda que volveu remontar un pouco en 2012 situándose nos 3,8 millóns. Comparativamente, os datos son peores que no resto de España, onde a asistencia media por habitante se sitúa en 2,0. Galicia, con 1,4 ocupa o antepenúltimo lugar só por diante de Estremadura e Ceuta e Melilla.

O consumo de cine español en aumento
É interesante o feito de que entre 2000 e 2012 aumentou o número total de espectadores de películas españolas, mentres que descenden o de películas estranxeiras. Isto acontece tanto en Galicia coma no conxunto de España.No caso das películas españolas, no conxunto do Estado o número de espectadores aumenta 4,9 millóns, o que supón un 26,8% de incremento neste período, mentres que en Galicia aumenta nun 60%. Pola contra, no que se refire ás películas estranxeiras o número total de espectadores diminúe nunha proporción semellante tanto en Galicia (37,5%) coma no conxunto de España (37,6%), contabilizándose unha redución total de 45,8 millóns de espectadores.

O multisala como concepto en auxe
O peche de cines en Galicia segue unha tendencia firme. En 2012 había 38 cines, tres menos que en 2008. Pola contra, o número de salas de exhibición aumenta en 29. Esta tendencia é similar á que se rexistra no conxunto de España, onde o número de salas por cine era de 2,7 no ano 2000 e de 4,6 en 2011. Isto ocorre pola tendencia de abrir cines multisala, mentres se pechan cines tradicionais.