O Consello da Cultura Galega, a través do seu Observatorio da Cultura Galega, acaba de facer público o informe “O libro en cifras”, no que se ofrecen datos estatísticos sobre a evolución e a situación actual da edición de libros en Galicia. Así mesmo, tamén se analizan outras cuestións relacionadas co ámbito editorial, como son os hábitos de lectura dos galegos/as, a actividade empresarial vinculada ao sector editorial ou o mercado laboral propio deste ámbito. No que respecta á lingua das publicacións, segundo os datos presentados, apréciase unha diminución de títulos en galego desde o ano 2009, que acada os seus niveis máis baixos en 2012, con 1322 títulos publicados.