----

O Consello catalogará e ordenará os fondos bibliográfico-documentais de R. Carballo Calero e dos irmáns Villar Ponte, depositados no Parlamento

<em>Santiago de Compostela, 30 de abril de 2008.-</em> A Presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, e o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, asinaron hoxe no Pazo do Hórreo, un protocolo de colaboración para a catalogación, ordenación e integración dos fondos bibliográficos e documentais de Ricardo Carballo Calero e dos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte. Trátase de poñer ese patrimonio cultural a disposición da cidadanía e da comunidade científica. Os traballos deberán estar concluídos en seis meses.


<!--more-->

Segundo o protocolo asinado, o Consello da Cultura Galega asume o labor de supervisión científica e designou para tal fin ó historiador Xusto G. Beramendi.

O Parlamento de Galicia atenderá o financiamento de dous técnicos e facilitará os medios informáticos precisos para a realización dos traballos, que consistirán na catalogación informatizada e a preparación material do fondo bibliográfico das dúas bibliotecas e na descrición e catalogación informatizada, clasificación e ordenación das unidades arquivísticas e integración dos rexistros nas bases de datos con ligazóns ás imaxes dixitalizadas dos dous arquivos persoais.

O Parlamento ten a titularidade e a custodia destes dous importantes fondos. Dende 1997 no caso de Carballo Calero e dende 2001 no dos irmáns Villar Ponte. En conxunto uns nove mil volumes, dos que máis de sete mil corresponden a Carballo Calero.

A documentación permanecerá en sede parlamentaria e o Consello da Cultura Galega terá á súa disposición o contido dixitalizado dos traballos.

EXEMPLAR COMPROMISO CON GALICIA

O protocolo fai notar que no primeiro caso de Ricardo Carballo Calero os fondos “reflicten as inquedanzas, a traxectoria e a fasquía dun dos nosos lingüistas máis sobranceiros do século XX, testemuña e protagonista do segundo espertar cultural do país na idade contemporánea e defensor consecuente dos dereitos individuais e colectivos do pobo galego. Percorrendo esta biblioteca un pode sondar o evolucionar da nosa vida literaria, humanística e creadora, a través de primeiras edicións, iniciativas culturais pioneiras compromisos cívicos compartidos”.

Dos irmáns Villar Ponte saliéntase que “representan a ósmose entre a loita polas libertades en épocas convulsas e a defensa do autogoberno; un exemplo de coherencia política paradigmático do que aínda somos debedores no proceso de consolidación e dinamización da nosa personalidade cultural, lingüística e identitaria. A través da documentación existente poderase albiscar o perfil humano que subxace a ese compromiso de clara trascedencia política”.