No acto participaron Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, vicepresidenta e coordinadora das actividades do CCG no Ano Rosalía de Castro, Dolores Vilavedra e María do Cebreiro, coordinadoras do volume Cantares para Rosalía e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro e integrante da comisión organizadora do congreso "Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada".
Rosario Álvarez salientou a diversidade de actividades e destacou que desde o punto de vista académico, o congreso internacional sobre Rosalía de Castro -distribuído en cinco sesións separadas no tempo- "achegou novos enfoques e revisións da obra e vida rosaliana e permitiunos avanzar no coñecemento", a través da participación dun elenco de investigadores de amplo espectro internacional. O CCG salientou que boa parte do coñecemento xenerado xa está a disposición pública no web do CCG (www.consellodacultura.org/rosalia2013). Anxo Angueira destacou o impacto do Ano Rosaliano mesmo a nivel popular, e destacou que durante o 2013 a cultura rosaliana "achegouse ao pobo galego de xeito máis áxil, dinámico e moi do noso tempo".
Entre as accións destacadas pola vicepresidenta do Consello da Cultura Galega está a coedición da primeira edición de Cantares Gallegos ou a celebración do concerto infantil "No bico un cantar", ou o "Concerto das Letras", no que numerosos compositores galegos achegaron pezas en homenaxe á escritora.
Pola súa banda, o presidente do CCG enfatizou o éxito de asistencia das xornadas dedicadas a Rosalía que a institución organizou en Madrid e Barcelona, "que revelan a capacidade de Rosalía de Castro por ser unha gran representante da cultura galega aínda hoxe".
Cantares para Rosalía
Tamén se presentou o libro Cantares para Rosalía, unha publicación con CD de audio no que nove poetas galegas de diferentes xeracións dialogan coa obra de Rosalía de Castro. "O libro é froito das sinerxias que creou o Ano Rosaliano", sinalou a profesora da USC Dolores Vilavedra e coordinadora da publicación canda María do Cebreiro Rábade, "onde se puxeron a traballar en común xente moi diversa. Buscabamos un libro que fose plural xeneracionalmente". O libro, que se está a difundir nos webs do CCG, "está a ser solicitado como material xa de estudo por universidades europeas e americanas", sinalou Vilavedra. Nel participan poetas como Lupe Gómez Arto, Luz Pozo Garza, María Xosé Queizán, Olalla Cociña, Xiana Airas Rego, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Lorena Souto e Ana Romaní.


