<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/04/presentacion_libro.jpg" alt="presentacion_libro.jpg" />
<div id="pedefoto"><em>Isaac Díaz Pardo, Ramón Villares e Francisco Díaz Fierros durante a presentación do libro. Foto: CCG</em></div>
<em>Santiago de Compostela, 23 de abril de 2008.</em>- A presentación do libro <a href="http://consellodacultura.org/mediateca/?p=293">"Ánxel Casal, un editor para un país"</a>, iniciativa do Consello da Cultura Galega e do Seminario de Estudos Galegos, converteuse nunha tripla homenaxe ó editor, ó libro e á cultura. O acto, celebrado hoxe no Consello da Cultura, contou coa presenza dos famililares do grande editor galego e dos directivos da Asociación Galega de Editores, da Asociación Galega de Libreiros e do Cluster do Libro. Todos se felicitaron pola oportunidade da aparición dunha obra que dá testemuño do traballo de Ánxel Casal, "o renovador do libro galego", en palabras de Isaac Díaz Pardo.
<!--more-->
O libro, de máis de 300 páxinas, foi coordinado por Alfonso Mato e inclúe unha cronoloxía e traballos de Ernesto Vázquez Souza, Mercedes Bangueses e María Lourdes Pérez González, ademais dos catálogos e as cubertas das editoriais "Lar" e "Nós". Isaac Díaz Pardo escribe sobre as súas lembranzas de Casal e Ramón Villares refiírese a quen califica como "un editor nacional".
Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, presidiu este acto acompañado por Francisco Díaz Fierros, vicepresidente da institución e Presidente do Seminario de Estudos Galegos, e por Isaac Díaz Pardo, memoria viva de Galicia e do traballo de Ánxel Casal.
O Presidente do Consello da Cultura estimou "xusta e elegante" a recuperación da obra do editor e agradeceu a presenza dos seus familiares e a dos representantes de editores e libreiros. Lembrou a importancia do traballo artístico e iconográfico de Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo e autor das capas da gran maioría dos libros editados por Casal.
Francisco Díaz Fierros falou de Ánxel Casal como "un dos referentes da nosa memoria histórica" e lembrou a súa intensa relación e o seu labor difusor do traballo do Seminario de Estudos Galegos. Considerou a publicación "un traballo serio e necesario, un acto de xustiza".
Díaz Pardo, presidente de honra do Seminario de Estudos Galegos, aludiu ós pouco máis de 150 libros editados por Ánxel Casal nos seus obradoiros de Rúa das Hortas, 20 e Rúa do Vilar, 15 en Santiago de Compostela e fixo fincapé na tráxica circunstancia do asasinato de Casal e de Federico García Lorca no mesmo día, o 19 de agosto de 1936. Na imprenta de Casal viran a luz os "Seis poemas galegos" do autor do "Romancero gitano".
No acto interviron tamén Jacobo Bermejo, presidente do Cluster do libro; Xaime Corral, presidente da Federación de Libreiros de Galicia, e Alfonso García Sanmartín, presidente da Asociación Galega de Editores, quen rendiron homenaxe ó primeiro editor de Galicia e agradeceron a publicación do libro. Previamente os directivos destas tres entidades celebraron unha sesión de traballo na Biblioteca do Consello da Cultura Galega.

