Consello, IGE e Consellería consideran importante e necesario o "Anuario de Estatísticas Culturais 2006" para unha mellor avaliación e planificación cultural

José Colino, Ramón Villares, Ánxela Bugallo e Ángel Luís Tarrío. Foto: CCG

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2008.- Como un primeiro paso importante e necesario para o coñecemento, a avaliación e a planificación definiron o "ANUARIO DE ESTATÍSTICAS CULTURAIS GALEGAS 2006" o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, a Conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o Director do Instituto Galego de Estatística, Ángel Luís Tarrío Tobar. O Anuario, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega do Consello, é o resultado da colaboración das tres institucións citadas e reúne, sistematiza e estrutura en catrocentas páxinas as principais magnitudes do sector cultural galego que dá emprego a case 25.000 traballadores, o que supón o 2´1 por cento do total de ocupados. Á presentación asistiu tamén José Colino, anterior director do IGE e agora director Xeral de Planificación Económica.

Descargue o Anuario

As tres institucións expresaron a súa satisfacción polo traballo desenvolvido e subliñaron o compromiso de seguir avanzando nese obxectivo de ordenación e posta en común dunha información imprescindible para a acción cultural. Ramón Villares lembrou que a publicación será enviada a todas as entidades, institucións e organismos do sector e aludiu tamén á importancia da utilización dos medios propios do CCG, nomeadamente o portal www.culturagalega.org, para a difusión destes e outros datos. Considerou non necesaria unha valoración de conxunto por se tratar dun primeiro paso, dunha primeira diagnose sobre a nosa situación neste ámbito. "A valoración, en todo caso, terán que facela outros", dixo.

O Director do Instituto Galego de Estatística referiuse á dimensión cada vez máis importante da acción cultural na vida social e na actividade económica e, por eso mesmo, considerou imprescindibles instrumentos estatísticos "robustos e fiabeis".

A Conselleira de Cultura e Deporte felicitou ó equipo de traballo do Observatorio da Cultura Galega (Håkan Casares, Puri Carballo e Concepción Díaz Fierros) e aludiu á importancia de contar cunha información sistematizada do ámbito cultural galego para avaliar a situación e as posibilidades e afrontar en mellores condicións as tarefas de planificación. "O camiño será algo máis doado, logo deste primeiro paso", afirmou.

ALGÚNS DATOS

O Anuario permite coñecer a evolución das principais variables do sector e establece tamén comparacións con outras Comunidades Autónomas ou co conxunto de España.

Contamos en Galicia con 67 museos (o cinco por cento do total español) e con 641 bibliotecas, das que 368 son públicas e delas, 304 de titularidade municipal.

En 2006 inscribíronse no ISBN en Galicia 2.879 libros, o que representa o 3.7 por cento do total español. 1.368 foron publicacións en lingua galega.

O informe constata o descenso do número de compañías teatrais: das 223 en 2003 ás 199 en 2006, pero subliña o aumento do número de funcións programadas en vilas e cidades.

Galicia conta con máis de tres mil empresas culturais cun aumento do 34 por cento o período 2000-2006. E no que atinxe ó gasto público por habitante en materia cultural o informe salienta que a cifra de 29.2 euros por persoa en 2005 é moi superior ó gasto da Administración Xeral do Estado. O gasto medio por fogar foi de 509 euros en 2005 e o gasto medio por persoa chegou ós 168 euros. Os incrementos foron, respectivamente, de 89 e 34 por cento con relación a 2001.

No tocante á lingua o Anuario indica que prácticamente a totalidade dos galegos comprenden o seu idioma e que nove de cada dez saben falala. O 85 por cento da poboación le e algo máis da metade escribe en galego.