----

As Xornadas “Arte + Grandes Eventos” afirman o valor da autonomía do artista sen esquecer o contexto da “sociedade da cultura”

 Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2010.- Nin apocalípticos nin integrados. As Xornadas “Arte+Grandes Eventos” defenderon o valor da autonomía e o compromiso do artista, pero sen deixar de considerar o actual, e inevitable, contexto da “sociedade da cultura”. Así se puxo de manifesto nas sesións finais celebradas hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), coordinador do programa xunto coa Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG).  Cen expertos, estudiosos e profesionais asistiron aos debates.


<!--more-->
Ao longo dos dous días houbo relatorios críticos e mesmo descalificadores dos “grandes eventos” desde a posta en valor do traballo, a autonomía e o compromiso do artista. Foi o caso esta mañá de Isidoro Valcárcel, Premio Nacional de Artes Plásticas-2008, quen insistiu no carácter inasimilable das categorías “arte” e “evento” e afirmou: “un arte digno non estaría ao servizo dos eventos, que só promocionan o anecdótico”.
Porén para Catherine David, comisaria no Centro Georges Pompidou de Paris (1990-1994) e directora artística da Documenta X de Kassel (1994-1997), o importante é actuar máis mellor e queixarse menos. E hai vías para proceder así nun escenario caracterizado polo que chamou “crecente heteroxeneidade das prácticas estéticas contemporáneas”. Un marco que permite cuestionar, afirmou, o papel dos Estados como actores privilexiados.

Coa argumentación da crítica francesa coincidiu o sociólogo Arturo Rodrígez Morató, para quen o ámbito artístico non pode manterse á marxe e debe dialogar e negociar para preservar os seus valores e as súas propostas no actual contexto social que define como “sociedade da cultura”. Pola súa parte, Miguel Von Hafe, director do CGAC e coordinador das xornadas xunto con María Luísa Sobrino, amosouse contrario á descalificación xeral dos “grandes eventos” porque tamén nesa categoría “encontramos espazos de liberdade e expresións de indubidable valor artístico e cultural”.

As xornadas, iniciadas o mércores día 6 no Consello da Cultura Galega, concluiron esta tarde no CGAC, en Santiago de Compsotela, cun coloquio moderado por María Luísa Sobrino, no que interviron: Santiago Olmo, Isidoro Valcárcel, Arturo Rodríguez Morató, Catherine David, Natalia Poncela e Seve Penelas.