<em>Santiago de Compostela, 11 de abril de 2008.</em>- O ANUARIO DE ESTATÍSTICAS CULTURAIS 2006, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega, será presentado públicamente o día 15 de abril ás 12 horas no salón de actos do CCG. Trátase da primeira síntese estatística que compila , sistematiza e estrutura os datos existentes para o sector cultural galego. No acto intervirán: Ramón Villares, Presidente do CCG; Ánxela Bugallo, Conselleira de Cultura e Deporte; José Colino, Director Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios da Consellería de Economía e Facenda, e Ángel Luís Tarrío Tobar, director do Instituto Galego de Estatística.
<!--more-->
O anuario, promovido pola Consellería de Cultura e Deporte, auspiciado polo Instituto Galego de Estatística e realizado polo Consello da Cultura Galega, recolle as principais magnitudes estatísticas sobre o sector cultural en Galicia procedentes de diferentes fontes dispoñibles para o ano 2006.
O traballo, de catrocentas páxinas, aporta unha base de coñecemento cuantitativo que permite unha visión xeral do sector, o coñecemento das principais variables nos últimos anos e a comparación con datos referidos ao conxunto español ou a outras comunidades autónomas.
O informe ten en conta as pautas fixadas tanto pola Unesco como pola Unión Europea en materia de estatística cultural e permitirá establecer diagnoses e deseñar políticas e actuacións culturais sobre datos obxectivos. É, polo tanto, un instrumento valioso para as institucións, os axentes e as entidades culturais e tamén para os medios de comunicación.
O ANUARIO DE ESTATÍSTICAS CULTURAIS 2006 contribúe asemade a consolidar un dos obxectivos fundacionais do Consello da Cultura Galega como organismo asesor e consultivo dos poderes públicos no ámbito cultural.
DÚAS GRANDES ÁREAS
O traballo está estruturado en dúas grandes áreas. A primeira recolle de xeito agregado as estatísticas e indicadores que afectan transversalmente o conxunto do sector cultural. Figuran aí os datos referidos a: empresas culturais; gasto público en cultura; emprego cultural; consumo, prácticas e hábitos culturais, ensinanzas do ámbito cultural e lingua.
A segunda área de traballo estrutúrase con base nas dimensións en que se clasifica o sector cultural. A saber: patrimonio cultural, arquivos, bibliotecas, libros e publicacións periódicas, artes visuais, arquitectura, artes escénicas e musicais, audiovisual e cultura científica.
"O informe, afirma Ánxela Bugallo, Conselleira de Cultura e Deporte, concibe por vez primeira o ámbito cultural galego como un campo de análise sistemático e integrado, incorporándonos á tradición das estatísticas culturais dos países europeos".
En definitiva, "é unha ferramente imprescindible para o coñecemento e planificación do sector cultural galego", en expresión de Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega.

