<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/04/primeiras_ponentes.jpg" alt="primeiras_ponentes.jpg" />
<div id="pedefoto"><em>Anabel Fernández, Domingo Docampo, Divina Frau e Inma Tubella, no foro de onte. Foto: CCG</em></div>
<em>Santiago de Compostela, 3 de abril de 2008.</em>- O uso intensivo das tecnoloxías da información e a comunicación e o modelo de organización en rede son dous factores que caracterizan a sociedade emerxente e así se explicitou na primeira sesión do foro de debate "Galicia na sociedade do coñecemento", que hoxe continuará a partir das 10 horas no Consello da Cultura Galega coa intervención inicial de Guillermo de la Dehesa. O CCG inicia así a conmemoración dos seus 25 anos (1983-2008) cunha reflexión aberta sobre <a href="http://consellodacultura.org/?page_id=382">"Galicia na sociedade do coñecemento"</a> baixo o lema da conmemoración: "Crear cultura, imaxinar país".
<!--more-->Foi Inma Tubella, reitora da Universitat Oberta de Catalunya, quen se referiu aos factores comúns que caracterizan a fase de transición dunha sociedade emerxente. Ademais do uso intensivos das tecnoloxías da comunicación e o modelo de organización en rede, falou do papel do coñecemento e a información "como forma de poder, riqueza e significación cultural" e da interdependencia gloval das sociedades mediante a integración das súas actividades máis estratéxicas en redes globais de comunicación.
A esa plantexamento sumouse Divina Frau, da Universidade Paris III, quen plantexou que a diversidade cultural permite comprobar novas formas de análise "da democracia, da cidadanía e da evolución da esfera pública mundical" e engadiu que a súa conexión coa evolución da globalización "necesita unha renovación dos puntos de vista analíticos".
As dúas relatoras aludiron tamén á perda de poder dos medios tradicionais e, en calquera caso, á complementariedade entre os medios e ás súas capacidades de adaptación aos novos escenarios como xa ocurriu noutros períodos da comunicación.
Anabel Fernández Souto, da Universidade de Vigo, falou da situación de Galicia neste aspecto e concluiu que , aínda faltando investimentos, capital humano e alfabetización dixital, os indicadores "parecen apuntar que avanzamos e así se reflicte nos datos antes e despois de 2006".
A XORNADA DE HOXE
A mañá do día 4 de abril, coa referencia "Galicia e a Globalización", abordará a dimensión económica cos enfoques de Guillermo de la Dehesa, director do Centro de Investigación de Economía Política do Reino Unido; Felipe Serrano, da Universidade do País Vasco, e como retrucante, Santiago Lago, profesor de Economía da Universidade de Vigo.
Por último, a partir das 17 horas, será o turno para a dimensión tecnolóxica, "Galicia e as tecnoloxías da información", co relatorio de Fernando Pérez González, Director do Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia, e as dos retrucantes: José Luís Fernández Carnero, Director de Estratexia de Televés, e Luís Castedo, da Universidade de A Coruña.
O foro está coordinado por Domingo Docampo en colaboraciòn con Xosé Carlos Arias, ambos os dous profesores da Universidade de Vigo.
<!--more-->

