----

Amancio Prada presentará no Consello da Cultura Galega dous traballos e unha xira de concertos

O venres, 16 de maio, terá lugar no Consello da Cultura Galega (CCG) a presentación dun CD, un libro-disco e unha xira de concertos por Galicia de Amancio Prada. Asistirán á presentación, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Xesús Alonso Montero, presidente de la Real Academia Galega, Amancio Prada, e Jordi Doce, director de Vaso Roto Ediciones en España.

A rolda de prensa servirá para presentar dous traballos que gardan estreita relación con Rosalía de Castro. Dunha banda o libro-disco, Federico García Lorca: Poeta en Galicia (Vaso Roto Ediciones), que xunta a poesía de Federico García Lorca e Rosalía de Castro, coas composicións musicais de Amancio Prada e cos debuxos de Juan Carlos Mestre. Este traballo aborda composicións inéditas ata hoxe no seu repertorio, entre o que destaca Seis poemas galegos de García Lorca. Da outra, o CD Resonancias de Rosalía, que recolle as interpretacións de Amancio Prada da poesía de Rosalía de Castro e que conta cun texto de presentación de Xesús Alonso Montero. Ademais, Amancio Prada emprende unha xira de sete concertos en Galicia (que arranca o venres 16 de maio en Santiago de Compostela) co seu espectáculo A Rosalía de Federico.

Esta presentación enmárcase na liña de actuación do Consello da Cultura Galega de dar acubillo a propostas relacionadas co noso patrimonio cultural desde múltiples perspectivas. Neste caso concreto conta co engadido de xirar arredor de Rosalía de Castro, a cuxo legado o CCG lle ten prestado especial atención, como pode ser o recital poético musical “Aqueles doces cantares. Unha ofrenda musical a Rosalía de Castro”.