----

"Galicia na sociedade do coñecemento" será o primeiro dos seis foros de debate cos que o Consello da Cultura conmemorará os seus 25 anos (1983-2008)

<em>Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2008.</em>- O primeiro dos seis foros de debate cos que o Consello da Cultura Galega conmemorará os seus 25 anos (1983-2008) propón unha reflexión aberta, e de libre acceso, sobre <a href="http://consellodacultura.org/?page_id=382">"Galicia na sociedade do coñecemento"</a> e celebrarase os días 3 e 4 de abril. Entre os seus relatores figuran Guillermo de la Dehesa, Divina Frau e Inma Tubella. O foro foi presentado hoxe polo seu coordinador, Domingo Docampo, e polo Presidente do Consello, Ramón Villares, quen salientou a importancia de que o CCG, como laboratorio de ideas, axude a pensar o futuro. De aí o lema da conmemoración: "Crear cultura, imaxinar país".


<!--more-->

O cordinador do foro, Domingo Docampo, lembrou que o obxectivo é facer unha achega á situación de Galicia na sociedade do coñecemento a través de tres perspectivas: sociolóxica, económica e tecnolóxica.

A dimensión sociolóxica, baixo o epígrafe "Galicia na sociedade da información", será o argumento da primeira xornada, na tarde do día 3 de abril e contará cos relatorios de Divina Frau Meigs, da Universidade da Sorbona, e Inma Tubella, Reitora da Universitat Oberta de Catalunya e colaboradora de Manuel Castells. Como retrucante, desde a perpsectiva galega, intervirá Anabel Fernández Souto, da Universidade de Vigo.

A mañá do día 4 de abril, coa referencia "Galicia e a Globalización", abordará a dimensión económica cos enfoques de Guillermo de la Dehesa, director do Centro de Investigación de Economía Política do Reino Unido; Felipe Serrano, da Universidade do País Vasco, e como retrucante, Santiago Lago, profesor de Economía da Universidade de Vigo.

Por último, a partir das 17 horas, será o turno para a dimensión tecnolóxica, "Galicia e as tecnoloxías da información", co relatorio de Fernando Pérez González, Director do Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia, e as dos retrucantes: José Luís Fernández Carnero, Director de Estratexia de Televés, e Luís Castedo, da Universidade de A Coruña.

O profesor Domingo Docampo, coordinador do foro xunto con Xosé Carlos Arias, catedrático de Economía da Universidade de Vigo, chamou a atención sobre a importancia da participación nun debate "que debe contribuir a conformar a visión de Galicia na sociedade do coñecemento convertida cada vez mais nun elemento central da vida das sociedades contemporáneas desenvolvidas".

Pola súa parte, Ramón Villares, Presidente do CCG, lembrou que a este primeiro foro de debate seguiranlle outros cinco durante durante o 2008, un programa, coordinado por Xosé López, que concluirá coa exposición "25 anos de Cultura Galega", comisariada por Victor Freixanes, Henrique Monteagudo e Iago Seara, que se abrirá en Vigo e proporá un achegamento á realidade cultural galega e á súa proxeción de futuro.