----

Os galegos son os internautas que máis usan as redes sociais segundo o Observatorio da Cultura

O 83,2% dos internautas galegos empregan Facebook; de feito, somos a comunidade con máis usuarios no conxunto estatal desta rede social. Non é a única que empregamos, xa que Twitter, Google+/Google plus, LinkedIn, Instragram e Twenti tamén ocupan un lugar destacado. Relacionarse cos amigos, cos familiares e a busca de información sobre a actualidade son as razóns que motivan o seu uso. Son as principais cifras do informe Cultura e novas tecnoloxías que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega.

Cultura e novas tecnoloxías é o título dun informe que analiza dous aspectos fundamentais relacionados con internet e coa sociedade da información. Dunha banda, a implantación das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) nos fogares galegos e, da outra, as relacións xurdidas entre os internautas na rede. Para o primeiro, a información provén da Encuesta sobre Equipamiento y Uso de Tecnologías de Información y Comunicación en los Hogares, elaborada anualmente polo Instituto Nacional de Estadística, e no segundo pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC).

Implantación das TIC no fogar
A incorporación de tecnoloxías da información e da comunicación no fogar medrou nos últimos tres anos. A tendencia é positiva no uso de ordenadores, teléfono e televisión. Ademais, increméntase o uso de dispositivos móbiles, nomeadamente o ordenador portátil (incluído Netbook) e a telefonía. O ordenador portátil pasou do 44,9% ao 51,2% entre 2011 e 2013, e o teléfono móbil pasou do 92% ao 95%. En comparación co conxunto estatal, Galicia está por riba no equipamento de televisións (99,7% fronte ao 99,4%), radios (90,2% fronte ao 76,7%) e teléfono fixo (79,1% fronte ao 77,9%).
Por outra parte, a conexión a internet dos fogares segue a ser inferior en Galicia ao conxunto do Estado, pero cunha evolución positiva. Tamén é diferente o tipo de conexión. A de banda larga mediante fibra óptica ten unha maior incidencia en Galicia e menor en ADSL, e tamén destaca que son máis as persoas en Galicia que se conectan mediante dispositivo móbil que no resto do Estado.

O informe tamén destaca o condicionante da idade, que manifesta grandes diferenzas. O 92,5% da poboación que vai dos 15 aos 24 anos emprega a rede, mentres que, por riba de 65 anos, a porcentaxe que a usa descende ata o 6,6%. En Galicia, en 2013 o número de usuarios de internet é de 1,4 millóns de persoas, dos case 25 millóns do conxunto estatal.

Usos da rede
Con estes equipamentos, os usuarios galegos empregan principalmente o correo electrónico. Fano o 88%, 1,7 puntos porcentuais menos que en 2011, o que mostra unha tendencia decrecente. Todo o contrario que o uso das redes sociais, que pasou do 53,3 en 2011 ao 65% de 2013.

Estar informado do que acontece na actualidade (noticias, periódicos ou revistas de actualidade) é o segundo servizo máis empregado da rede, e pasou do 75% de 2011 ao 78,7% de 2013. Estas cifras revelan que empregar internet para ler novas supera en 8 puntos o conxunto de España (70,2%). De feito, lavozdegalicia.es e farodevigo.es, dous portais de noticias, están entre as dez páxinas web máis visitadas polos internautas galegos. Listaxe á que se suma elcorreogallego.es e laopinioncoruna.es cando se lle pregunta polas páxinas webs galegas máis visitadas.

Nos últimos tres anos medrou o comercio electrónico en Galicia. Se en 2011 había 471 916 persoas que compraron algún produto a través da rede, en 2013 fixérono 579 045. O informe do Observatorio da Cultura Galega, que se centra en analizar o uso do comercio electrónico en produtos culturais, revela que as entradas para concertos e espectáculos foron o máis comprado. Continuando cos datos de 2013, á compra de entradas séguelle a de libros, revistas, xornais electrónicos.

O uso das redes sociais experimenta un ascenso moi importante nos últimos anos, cun incremento do 62% con respecto aos internautas que acceden con frecuencia a este tipo de plataformas en Galicia. O uso das redes sociais, encabezadas con Facebook co 83,2% dos internautas galegos, está motivada para manter as relacións cos amigos, así o argumentan o 72,2% dos navegantes galegos, seguido das relacións familiares (41,9%) e da busca de información sobre a actualidade (39,7%).

Fronte ao auxe das redes sociais, está en recesión o uso dos blogs. Se en 2010 o 8,5% dos internautas dispuñan dun blog, que actualizaban con frecuencia, en 2013 esa porcentaxe é de menos do 4,5%. O informe incide tamén nos contidos que os usuarios publican na rede, onde os comentarios, opinións e outros textos supoñen o 42,4% do total de contidos (fronte ao 41,2% estatal), seguido das fotografías cun 38,4% (fronte ao 41,1% estatal) e onde os vídeos están na cola cun 8,5% (fronte ao 11,1% estatal).