Iago Seara e Rafael Vallejo coordinan este seminario que pretende ofrecer unha solución consensuada para uns espazos que supoñen o 15 por cento da superficie do noso país e concentran máis da metade da poboación. O turismo, os intereses económicos e a presión demográfica exercen un impacto nos espazos naturais e, nomeadamente, en territorios con valores culturais como son os Conxuntos Históricos.
Catro vilas con actuacións diferenciadas
Rinlo é o primeiro dos casos que se analizará no transcurso do seminario. Carlota Eirós, arquitecta e autora da Memoria para a incoación do Conxunto Histórico de Rinlo, explicará en que situación está o proceso de declaración como Conxunto Histórico deste espazo que hoxe en día non conta con ningunha figura xurídica de protección.
O seguinte dos casos é o de Muros. Alfonso Díaz Revilla, membro da oficina de Planeamento, ofrecerá un balance do que foi a conservación, protección e difusión desta localidade coruñesa que está a sufrir a presión urbanística derivada de ser un destino turístico de crecente demanda. Características que comparte con Cambados, caso que pecha as intervencións da primeira sesión, e que ten o feito diferencial do interese económico das industrias do mar e da pesca como condicionantes. Será Javier Montero Pérez, técnico municipal da Área de Rehabilitación Integral quen explicará o caso de Cambados.
O caso de Combarro ocupará especial atención e centrará a segunda das sesións do seminario. Os dous coordinadores das xornadas, Iago Seara e Rafael Vallejo, xunto coa arquitecta da Xunta de Galicia Teresa Nieto ofrecerán cadansúa intervención para analizar como pasou de ser, en palabras de Iago Sera, “un paradigma das características dun Conxunto Histórico ata paradigma da perda da súa identidade”.
O seminario pechará cun debate e conclusión que pretende facer un balance sobre a eficacia dos Plans especiais dos Conxuntos Históricos a raíz dos casos analizados.
A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
A Sección de Patrimonio e Bens Culturais está coordinada por Iago Seara e conta entre os seus membros con Concepción Varela, María García-Alén, Pegerto Saavedra, Marcial Gondar ou Bieito Pérez. Da actividade recente desta sección destaca o seminario “Obras públicas e patrimonio cultural”, que analizou como construír as grandes infraestruturas do país co menor impacto sobre o patrimonio, ou a xornada “A protección dos camiños históricos en Galicia”, que abordou en 2013 os temas de protección, sinalización e conservación dos Camiños de Santiago.


