Na conferencia inaugural, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, debuxou un panorama xeral do que debería ser o valor do patrimonio no século XXI. Villares ofreceu unha ollada histórica sobre a evolución do patrimonio ao afirmar que “debe ser pensado historicamente e que cambia en cada período”. Nesa evolución do concepto de patrimonio, abriu varios interrogantes sobre quen debe fixar o que é patrimonio, revisar se todo e debera protexer e en que medida se debe facer. Ademais, apuntou cara o custe económico que ten a protección e a conservación e aludiu que “iso debera estar nunha lei de mecenado que non se acaba de regular”.
De seguido, pasaron a analizarse a historia e as situacións actuais de Rinlo, Muros, e Cambados. Foi Carlota Eirós, arquitecta e autora da Memoria para a incoación do Conxunto Histórico de Rinlo, quen fixo unha explicación documentada de toda a evolución que sufriu nos últimos cen anos e que a día de hoxe está a espera da declaración como Conxunto Histórico
Alfonso Díaz Revilla, membro da oficina de Planeamento de Muros e Javier Montero Pérez, técnico municipal da Área de Rehabilitación Integral de Cambados, ofreceron un balance da conservación, protección e difusión destas localidades que comparten o sino de ser un destino turístico de crecente demanda con gran presión urbanística
O seminario pechará o mércores cun debate que pretende facer un balance sobre a eficacia dos Plans especiais dos Conxuntos Históricos a raíz dos casos analizados.


