----

A concienciación social e política son claves na protección dos Conxuntos Históricos Costeiros

“Combarro sufriu un proceso de deterioración nos últimos vinte anos, cando o casco histórico xa estaba sometido á tutela legal das figuras de protección administrativa” explicou Iago Seara na segunda das xornadas destinadas a analizar a situación de conservación dos conxuntos históricos situados no litoral. Canda el, Rafael Vallejo presentou o informe “Urxente sobre Combarro. E agora ¿Que facer?”, elaborado pola asociación A Solaina. Era o último dos casos abordados no seminario “Os Conxuntos Históricos no Borde Marítimo”, realizado no Consello da Cultura Galega, que concluíu cun debate sobre a pertinencia e a eficacia das medidas de protección legal.

A segunda das sesións analizou polo miúdo o caso de Combarro. Nela, Rafael Vallejo, profesor da Universidade de Vigo e membro da Asociación A Solaina, presentou o informe “Urxente sobre Combarro. E agora ¿Que facer?”. Un documento que se presentou este ano a todas as administracións (Xunta, Parlamento, Deputación e Concello de Poio) e que describe a traxectoria e a problemática actual do conxunto histórico pontevedrés. O documento recolle a evolución da tutela deste territorio iniciada en 1951 coa incoación do expediente de protección, que se concretou en 1972 coa declaración como "conxunto artístico e pintoresco de interese nacional", ao que lle seguiu un Plan Especial de protección. Ademais, tamén fai unha análise da situación socioeconómica e o patrimonio cultural para rematar presentando un plan de actuación e de medidas.

A problemática de Combarro
No seu relatorio Rafael Vallejo enunciou algúns dos problemas: os novos usos, o modelo de turismo de masas e unha política administrativa de portos moi invasiva sobre este espazo. Presións que afectaron o espazo sen que servisen todas as medidas de protección. Para Vallejo, a actuación “é urxente porque Combarro está nun momento de perda de capital cultural”. Unha afirmación á que acompañou cifras: “o ámbito portuario pasou de ser un 12% do conxunto histórico, a unha superficie do 117% do conxunto, é dicir, é maior que o conxunto histórico”.
Na súa opinión, o Plan Especial non soubo respectar o valor conxuntos históricos e engadiu “o problema non é de instrumentos, nin de xustiza, nin de cartos, é de déficit de tutela municipal, de falta de consenso entre as diferentes administracións pero tamén unha concienciación dos habitantes do conxunto e do casco histórico”.

Iago Seara fixo unha aproximación ao problema de Combarro desde o punto de vista arquitectónico. Na súa intervención constatou que “o proceso de deterioración deste territorio, baseándonos nas documentacións e fotografías, sufriuse nos últimos vinte anos, cando o conxunto xa estaba sometido á tutela legal das figuras de protección”. Canda el, Teresa Nieto ofreceu desde o punto de vista da Administración, os problemas e as solucións das primeiras medidas e intervencións desenvolvidas pola Xunta de Galicia.

Debate e conclusións
A xornada rematou cunha sesión de debate na que participaron os dous coordinadores, Rafael Vallejo e Iago Seara, xunto con Carlos Nárdiz, profesor da Universidade da Coruña, e Alfonso Díaz Revilla, da Oficina de Planeamento de Muros. Nela abordaron posibles solucións de cara á elaboración dun informe que sirva de balance da problemática exposta durante as dúas sesións así como de posibles solucións ao problema. Ademais, apuntouse a necesidade dunha maior concienciación social e política á hora de administrar os diferentes usos (turísticos, residenciais, portuarios…) que conflúen nos cascos históricos.

Os outros casos
Durante a sesión do primeiro día analizáronse as situacións de Rinlo, Muros e Cambados. Foi Carlota Eirós, arquitecta e autora da Memoria para a incoación do Conxunto Histórico de Rinlo, quen fixo unha explicación documentada de toda a evolución que sufriu nos últimos cen anos e que hoxe en día está á espera da declaración como Conxunto Histórico.
Alfonso Díaz Revilla, membro da oficina de Planeamento de Muros, e Javier Montero Pérez, técnico municipal da Área de Rehabilitación Integral de Cambados, ofreceron un balance da conservación, protección e difusión destas localidades, que comparten o sino de ser un destino turístico de crecente demanda con gran presión urbanística.