----

Os XVI Encontros para a Normalización arrincan o mércores comparando a situación das linguas cooficiais

A evolución, perspectivas, sociolingüística, decisións políticas que definen a situación actual das linguas cooficiais centran o primeiro día dos XVI Encontros de Normalización Lingüística. Unha cita que comeza mañá mércores e organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Os encontros abren por primeira vez o seu foco de análise para abordar outras realidades lingüísticas como son o catalán, o vasco e o asturiano. Os encontros desenvolveranse o 24 e 25 de setembro na sede do Consello da Cultura Galega e poderanse seguir en directo a través do web da institución.

“Nesta ocasión imos facer un esforzo para que sexan os propios especialistas de cada territorio os que expliquen cada lingua empregando as mesmas variables, como o coñecemento, uso e lingua inicial, para así poder ofrecer unha perspectiva comparada” asegura un dos coordinadores, Henrique Monteagudo. Os casos do catalán, do vasco e do asturiano centran a primeira xornada, que terá lugar pola tarde na sede da institución. Polo caso do catalán estará Miquel Pradilla, que é profesor titular de Fonética e Fonoloxía e de Sociolingüística do Departamento de Filoloxía Catalana da Universitat Rovira i Virgili e membro do Institut d’Estudis Catalans e do Consell Social de la Llengua Catalana da Generalitat de Catalunya. No caso vasco falará Patxi Batzarrika, que é o viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno Vasco. Será David Guardado, pedagogo e profesor, quen se encargará de dar a perspectiva do caso asturiano.

Segundo día: a perspectiva da España plurilingüe
Para o segundo día dos encontros, o coordinador establece que “prestamos atención á España castelanfalante e á política das institucións, como poden ser os tribunais ou os medios de comunicación”. Para estes asuntos, estarán presentes Francisco Caamaño, que foi ministro de Xustiza entre 2009 e 2011. O xornalista Iago Martínez será o encargado de analizar a diversidade de linguas de España nos medios de comunicación, mentres que o antropólogo Andrés Barrera falará do “plurilingüismo na cultura lingüística española”.

Nese segundo día, que se desenvolve en horario de mañá e tarde, integrarase a política lingüística dentro do marco europeo. Para iso, as profesoras Alba Nogueira e Carmen Alén serán as encargadas de situalo no marco da política europea e, nomeadamente, na Carta europea das linguas rexionais e minoritarias.

Completan o programa o analista político e investigador social Xaime Subiela, quen analizará a sociolingüística e a glotopolítica en galego, e Héctor Silveiro, que fará un achegamento á situación do galego que se fala en Estremadura hoxe en día.

O programa inclúe tamén a proxección de Fronteiras, o documental elaborado por Rubén Pardiñas que aborda un percorrido polos límites culturais e xeográficos de Galicia. Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Beiras, Manuel Fraga, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Francisco Fernández Rei son algúns dos entrevistados neste documental.

Os encontros enfróntanse ao idioma dun xeito diferente do que viña sendo habitual. “Unha vez que saímos do marco galego, tentamos ofrecer unha visión de conxunto diferente, e dar un panorama xeral comparando a evolución e sociolingüística das diferentes linguas de España, pero tamén da política das institucións españolas” explica o seu coordinador, Henrique Monteagudo.