A lingua na xustiza e nos medios pechan o xoves os XVI Encontros para a Normalización

O resultados do modelo de ensino do eúscaro nos últimos trinta anos, a significación da sentenza do Tribunal Superior de Justicia de Baleares que anula o decreto do Tratamento Integral de Lenguas (TIL) nas aulas e os retos actuais do asturiano son algúns dos asuntos que centraron a primeira das xornadas dos XVI Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia. Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, coordinador dos XVI Encontros e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, foron os encargados de inaugurar esta cita que conclúe este xoves coa análise da política lingüística de España en ámbitos concretos como son a xustiza ou os medios de comunicación.
A lingua na xustiza e nos medios pechan o xoves os XVI Encontros para a Normalización

“Son uns encontros necesarios” apuntou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega no marco da inauguración. Ademais, destacou o o enfoque desta cita e o feito de ser un espazo onde atopar solucións e puntos de encontro. A este último aspecto fixo referencia Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística quen apuntou ao “espazo privilexiado para a formación permanente dos técnicos de normalización e o debate arredor das políticas lingüísticas”.

Os encontros serviron tamén para presentar o Kit para a normalización, un sitio web que compila ferramentas e contidos necesarios para a planificación lingüística. É un recurso pensado para facilitar o traballo das persoas que están a participar na normalización do galego, especialmente daquelas que realizan o seu labor desde os concellos de Galicia. O proxecto, froito dun convenio co a Secretaría Xeral de Política Lingüística, compila información de moi diferente tipo: desde bibliografía, lexislación ou recursos prácticos e necesarios para a elaboración dunha diagnose fiable sobre o contexto, un decálogo de boas prácticas, ata un directorio de entidades relacionadas coa lingua, e materiais de cursos, xornadas, recursos lingüísticos e webs de referencia.

Do caso do catalán ao do vasco máis unha ollada sobre o asturiano
Miquel Pradilla, profesor titular de Fonética e Fonoloxía e de Sociolingüística do Departamento de Filoloxía Catalana da Universitat Rovira i Virgili e membro do Institut d’Estudis Catalans e do Consell Social de la Llengua Catalana da Generalitat de Catalunya, foi o primeiro en intervir e ofreceu un panorama de actualidade sobre as ultimas cifras do uso, oficialidade do catalán, así como da aplicación do catalán nas Illas Baleares. Precisamente o Tribunal Superior de Justicia de Baleares (TSJIB) declarou este martes nulo o decreto do Govern que regula a aplicación do Tratamento Integral de Linguas, que introduce o inglés nas aulas. O viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno Vasco, Patxi Batzarrika, debuxou o caso vasco que se caracteriza por un incremento no número de falantes en eúscaro (318 000 máis nas últimas tres décadas, tendo en conta que a poboación só aumentou 38 000 persoas) e un aumento do número de pais e nais que escollen este idioma para escolarizar aos seus fillos como lingua vehicular. David Guardado, pedagogo e profesor, ofreceu a perspectiva do caso asturiano, que si está recoñecido polo seu estatuto aínda que non goza de oficialidade.

Segundo día: a perspectiva da España plurilingüe
Os encontros conclúen este xoves prestando atención á política das institucións tomando como referencia os casos da xustiza e dos medios de comunicación. Francisco Caamaño, ministro de Xustiza entre 2009 e 2011, que proporá un debate baixo o título “Xustiza sen linguas ou linguas sen xustiza?”. O xornalista Iago Martínez será o encargado de analizar a diversidade de linguas de España nos medios de comunicación, mentres que o antropólogo Andrés Barrera falará do “plurilingüismo na cultura lingüística española”.
Nese segundo día, que se desenvolve en horario de mañá e tarde, integrarase a política lingüística dentro do marco europeo. Para iso, as profesoras Alba Nogueira e Carmen Alén serán as encargadas de situar o idioma no marco da política europea e, nomeadamente, na Carta europea das linguas rexionais e minoritarias.

Completan o programa o investigador social e analista político Xaime Subiela, que analizará a sociolingüística e a glotopolítica en galego describindo a situación de partida, os procesos a favor e en contra así como as características da política lingüística galega. Canda el, estará Héctor Silveiro, que fará un achegamento á situación do galego que se fala en Estremadura hoxe en día.
O encontro inclúe tamén a proxección de Fronteiras, o documental elaborado por Rubén Pardiñas que aborda un percorrido polos límites culturais e xeográficos de Galicia. Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Beiras, Manuel Fraga, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Francisco Fernández Rei son algúns dos entrevistados neste documental.

Accede ao Kit desde aquí