----

O CDSG presenta o Kit para a normalización en rede

O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, elaborou o Kit para a normalización en rede, un novo produto documental deseñado para ofrecer ferramentas documentais e lingüísticas aos profesionais que están a traballar na administración local.

O Kit permite dous niveis de navegación, básico e avanzado: o primeiro, pensado para persoal de áreas non específicas da administración; o segundo, orientado aos/as profesionais dos SNL e SL. Os contidos están estruturados en catro bloques: “Antes de intervir” (fontes bibliográficas, documentais e lexislación); “Boas prácticas” (criterios orientadores no proceso de planificación lingüística); “Traballa en rede” (directorio de entidades relacionadas coa promoción do idioma galego); “Formación continua” (materiais de apoio para manterse ao día).