----

O Consello catalogará os fondos bibliográficos e documentais de Ricardo Carballo Calero e dos irmáns Villar Ponte, depositados no Parlamento de Galicia

<em>Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2008.</em>- A Presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, e o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, asinarán próximamente un protocolo de colaboración para a catalogación, ordenación e integración dos fondos bibliográficos e documentais de Ricardo Carballo Calero e dos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte. Trátase de poñer ese patrimonio cultural a disposición da cidadanía e da comunidade científica. Os traballos deberán estar concluídos en seis meses.

<!--more-->

O Consello da Cultura Galega asumirá un labor de supervisión científica e designará para tal fin un especialista de recoñecido prestixio, asistido por un técnico do propio Consello.
O Parlamento de Galicia atenderá o financiamento de dous técnicos e facilitará os medios informáticos precisos para a realización dos traballos, que consistirán na catalogación informatizada e a preparación material do fondo bibliográfico das dúas bibliotecas e na descrición e catalogación informatizada, clasificación e ordenación das unidades arquivísticas e integración dos rexistros nas bases de datos con ligazóns ás imaxes digitalizadas dos dous arquivos persoais.
O Parlamento ten a titularidade e a custodia destes dous importantes fondos. Dende 1997 no caso de Carballo Calero e dende 2001 no dos irmáns Villar Ponte.
A documentación permanecerá en sede parlamentaria e o Consello da Cultura Galega terá á súa disposición o contido dixitalizado dos traballos.

EXEMPLAR COMPROMISO CON GALICIA

O protocolo fai notar que no primeiro caso de Ricardo Carballo Calero os fondos “reflicten as inquedanzas, a traxectoria e a fasquía dun dos nosos lingüistas máis sobranceiros do século XX, testemuña e protagonista do segundo espertar cultural do país na idade contemporánea e defensor consecuente dos dereitos individuais e colectivos do pobo galego. Percorrendo esta biblioteca un pode sondar o evolucionar da nosa vida literaria, humanística e creadora, a través de primeiras edicións, iniciativas culturais pioneiras compromisos cívicos compartidos”.
Dos irmáns Villar Ponte saliéntase que “representan a ósmose entre a loita polas libertades en épocas convulsas e a defensa do autogoberno; un exemplo de coherencia política paradigmático do que aínda somos debedores no proceso de consolidación e dinamización da nosa personalidade cultural, lingüística e identitaria. A través da documentación existente poderase albiscar o perfil humano que subxace a ese compromiso de clara trascedencia política”.