<em>Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2008.</em>- O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, intervirá o sábado 23 no Auditorio Municipal de Lalín (Pontevedra) no acto conmemorativo do primeiro centenario do nacemento do pintor Laxeiro (1908-1996), un dos renovadores da plástica galega. O acto será presidido polo ministro de Cultura, César Antonio Molina e contará tamén coas intervencións de Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura e Deporte; Rafael Louzán, Presidente da Deputación de Pontevedra; José Crespo, alcalde de Lalín; o pintor Antón Lamazares; o artista e empresario Isaac Díaz Pardo e Carlos González Reigosa, xornalista e escritor e coordinador da sesión.
<!--more-->
Organizados polo concello de Lalín, en colaboración coa Fundación Caixa Galicia e a Deputación de Pontevedra, os actos conmemorativos do primeiro centenario de José Otero Abeledo, logo convertido no xenial pintor Laxeiro, pretenden ser unha homenaxe ao gran artista lalinense e asemade unha reivindicaciòn da súa plástica e da vangarda artística galega, da que Laxeiro foi figura senlleira.
Numerosos pintores, escultores, poetas e escritores desplazaranse a Lalín para asistir aos actos que incluirán unha homenaxe no cemiterio municipal de A Romea, en Botos, onde Plácido Rozas interpretará a súa "Muiñeira a Laxeiro"; unha visita á casa natal do pintor en Donramiro e o xa referido acto central que se pechará coas actuaciòóns de Uxía Senlle e Xosé Manuel Budiño.

