<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/05/xeral_castro_florez.jpg" alt="xeral_castro_florez.jpg" />
<div id="pedefoto"><em>Vista xeral da Biblioteca do Consello durante a conferencia de Castro Flórez</em></div>
<em>Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2007</em>.- “A arte contemporánea disolveu, desfixo a maxia e non estaría de máis retomalo todo desde o principio”. O crítico de arte, comisario de exposicións e profesor titular de Estética e Teoría das Artes da Universidad Autónoma de Madrid, Fernando Castro Flórez, resumiu así a súa visión crítica da situación, que presentou baixo o epígrafe “A obra de arte na era da perogrullada incesante”. A conferencia formou parte do seminario “O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s), organizado polo CCG e coordinado polo profesor Ramón Máiz.
<!--more-->
A reflexión crítica do conferenciante apoiouse na consideración de Paul Virilio de que “a semellanza dos medios de comunicación que, para satisfacer as medicións da audiencia, só veiculizan a obscenidade ou o espanto, o nihilismo contemporáneo revela o drama dunha estética da desaparición que xa non só atinxe ao dominio da representación (política, artística, etc), senón ao conxunto da nosa visión do mundo”.
Falou do “evidente culto ao voyeurismo” e dunha “simulación constante de proximidade”. “Consumamos a postura da inmediatez, pero quizais eso nos permite cobrar conciencia de que, finalmente, a paixón polo real supón unha entrega ao espectacularizado”.
O conferenciante afirmou que o código da arte contemporánea é o minimalista e referiuse á dimensión turística da cultura e á dimensión cultural do turismo, á importancia do escaparate e do embalaxe, do envoltorio. En realidade, o que se busca é a consecución do maior impacto, a meirande repercusión. Tamén a visualización, aínda que “estamos narcotizados polo abismo da banalidade” e pola desmemoria.
Para Fernando Castro a nosa cultura máis que da construción é unha cultura da demolición.
“O postarte é unha arte completamente banal: unha arte inconfudiblemente cotidiana, nin kitsch nin arte elevada, senón unha arte intermedia que confire glamour á realidade cotiá mentras simula analizala. Intenta ou simula ser crítica, cando en realidade é unha estratexia de desenmascaramento que, finalmente, recurre dun xeito permanente ao espectacular, quere decir, á dimensión do entretenemento”, afirmou.
Nesas circunstancias, coa maxia derrotada e todo fora de quicio, pode entenderse a necesidade de reconsideralo todo desde o principio na procura de mellores resultados, rematou citando a Guy Debord.
Fernando Castro Flórez, quen é tamén membro do Patronato do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, ten publicados, entre outros, os libros: Narciso y Acteón: el deseo y la mirada; Fasten Seat Belt. Cuaderno de campo de un crítico de arte; El texto íntimo. Kafka, Rilke, Pessoa; Demoliciones; Sainete ou Mensaje sin texto. Notas sobre la fotografía.

