----

Os concellos implícanse na restauración da memoria lingüística de Galicia

Co gallo da celebración do Día de Defuntos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística está a promover, un ano máis, o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios. O obxectivo é que os concellos asinantes se comprometan a desenvolver as seguintes iniciativas: substitución simbólica dunha lápida en castelán por outra en galego e colocación dunha placa nas portas dos cemiterios co texto “Na memoria de todos os que xacen aquí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”. O pasado 23 de outubro máis de 30 rexedores da provincia de Ourense celebraron o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia. Os promotores da iniciativa agardan que nesta fin de semana se sumen a esta celebración outros concellos e agrupacións culturais do país.