<img src="http://consellodacultura.org/wp-content/blogs.dir/1/gallery/congresos-e-foros-de-debate/cong08_01_29.jpg" alt="cong08_01_29.jpg" />
<em><div id="pedefoto">Ángel Rodríguez de Lera e Alberto Gago, no Salón de Actos do CCG</div></em>
<em>Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2008</em>.- “Os químicos dedicamos a vida a unha profesión creativa e transformadora que continúa guiando a humanidade ao cumio da súa evolución intelectual e tecnolóxica”. Ángel Rodríguez de Lera, catedrático de Química Orgánica da Universidade de Vigo, resumiu así o sentido da súa actividade e o seu compromiso como científico na conferencia que esta tarde pronunciou no Consello da Cultura Galega (CCG) sobre “As revolucións científicas na Química”. A disertación foi a segunda das “Palestras maxistrais” programadas no CCG para este semestre. O conferenciante foi presentado polo Rector da Universidade de Vigo, Alberto Gago.
<!--more-->
Ángel Rodríguez de Lera resumiu toda a historia da química desde a revolución da composición química de finais do século XVIII á revolución atómica de principios do século XX, pasando pola revolución molecular da segunda metade do século XIX, sen deixar de aludir á posibilidade dunha revolución supramolecular no século XXI. Unha evolución progresiva e transformadora que non deixou de proporcionar bens materias que cambiaron a sociedade e que debe seguir xogando un papel central na mellorra das posibilidades de realización da Humanidade, sen esquecer os problemas da enerxía, o medio e sostibilidade.
O conferenciante subliñou asemade os desafíos éticos derivados do desenvolvemento tecnológico ligado a unha ciencia de transformación da naturaza. “Algunhas das oportunidades ao noso alcance, como desenvolver novas formas de vida, prolongar a nosa propia vida ou serrar sistemas que sexan rivais en inteligencia aos humanos poden resultar beneficiosas ou perxudiciais. Debemos aceptar, polo menos, a obriga de explicar con claridade aos nosos concidadáns o traballo dos científicos e o resultado final esperado”, afirmou.
Rodríguez de Lera apostou tamén por conectar a química con outras disciplinmas. “Non só coas tradicionais da bioloxía, a física e a medicina, senón tamén coa economía, a literatura, a historia e as ciencias sociais”.
Na actualidade o grupo de investigación que lidera o catedrático Angel Rodríguez de Lera ten como obxectivo o descubrimento de novos axentes anticanceríxenos, moduladores de encimas epixenéticas e de receptores nucleares.
CIENCIA E CULTURA
O Consello da Cultura Galega pretende con este ciclo, iniciado o pasado 10 de xaneiro, que os ámbitos científico e cultural tendan pontes que lles permitan compartir camiños e experiencias. A iniciativa conta coa colaboración da Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia e das tres universidades galegas.
O Consello, que este ano cumple e celebra os seus primeiros 25 anos (1983-2008), ven subliñando o feito de que os ámbitos científico e cultural camiñaron sempre da man e que a ciencia constitúe un elemento esencial da cultura que serve para achegar ideas ás grandes problemáticas de todos os tempos. Este é o punto de partida do ciclo de “Palestras maxistrais”, nacido coa pretensión de que grandes expertos do sistema científico e universitario do noso país compartan a súa visión da evolución cultural e científica de Galicia dende cadansúa disciplina.
Estas tribunas han permitir periódicamente a presenza de destacados persoeiros que exporán os seus puntos de vista científicos vinculándoos coa tradición cultural galega e co futuro do país. En realidade, o ciclo supón tamén un recoñecemento da cultura galega á súa excelencia científica e intelectual.
Logo da intervención inicial de José A. Gómez Segade, e de Angel Rodríguez de Lera, ocuparán tamén esta tribuna, entre outros, Guillermo Rojo e Manuel Gallego Jorreto.

