<img src="http://consellodacultura.org/wp-content/blogs.dir/1/gallery/os-sentidos-da-cultura/sent_08.jpg" alt="sent_08.jpg" />
<em><div id="pedefoto">Ramón Máiz e Ernesto Laclau, na Biblioteca do Consello. Foto: CCG</div></em>
<em>Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2008.</em>- O politólogo arxentino Ernesto Laclau, profesor da universidade británica de Essex, onde ocupa a cátedra de Teoría Política, explicou que “as formas contemporáneas de tecnocratismo expresan a disolución da política e a redución da xestión da comunidade a unha mera cuestión de habilidade”. Laclau interviú esta tarde no seminario “Os sentidos das culturas”, que coordina o profesor Ramón Máiz. O tema de reflexión e debate foi “A articulación e os límites da metáfora”.
<!--more-->
Argumentou que as tensións detectadas ao longo do contínuo metáfora/metonimia poden ser vistas como plenamente operativas na estructuración dos espazos políticos e puxo como exemplos a lóxica da folga xeral en Georges Sorel e a estrategia política do Leninismo. Laclau plantexou deste xeito os seus postulados.
“Se intentamos pensar nas categorías organizadoras do campo político que fan posible a comparación coa nosa análise retórica, poderíamos avanzar a seguinte tese: a política é a articulación de elementos heteroxéneos, e esta articulación é esencialmente tropolóxica, pois presupón a dualidade entre insitución e subversión das diferentes posicións que atopamos como definitorias da intervención retórica. A organización social non é, sen embargo, exclusivamente política; en grande medida consiste en posicións diferenciais que non son desafiadas por ningunha confrontación entre grupos. Únicamente por medio da confrontación xurde o momento específicamente político, pois amosa a natureza continxente das articulacións. Empregando unha distinción de Husserl, poderíamos dicir que o social é equivalente á orde sedimentada, mentres que o político implíca o momento da reactivación. As formas contemporáneas de tecnocratismo expresarían esta disolución da política e a reducción da xestión da comunidade a unha mera cuestión de habilidade. É a sustitución da política polo coñecemento, formulada por primeira vez por Platón”.
“Temos aquí a base para a comparación entre a dualidade política/administración e os dous eixos da significación -o de combinacións e o de sustitucións. Canto máis estable é unha orde social, as institucións tenderán a organizarse a sí mesmas nun sistema sintagmático de posicións diferenciadas. Cando a confrontación entre grupos define a escena social a sociedade tenderá a dividirse en dous campos: no límite, chegarase a unha total dicotomización do espazo social arredor de dúas posicións sintagmáticas: nós e eles. Todos os elementos sociais terían que situar as súas identidades arredor destes dous polos, cuxos componentes internos serían unha mera relación de equivalencia. Mentres nun discurso político institucionalista hai unha multiplicación de posicións diferenciais nunha relación de combinación entre sí, nun discurso antagonista de ruptura o número de diferentes posicións sintagmáticas é restrinxido radicalmente, e todas as identidades establecen relacións paradigmáticas de sustitución cos que se atopan en cada un dos polos do contínuo. No meu traballo teño chamado a estas duas lóxicas políticas opostas, lóxica da diferencia e da equivalencia, respectivamente. Dado que a cadea de equivalencias establece unha sucesión entre os vínculos que a compoñen, ningún deles pode ter unha posición de centralidade fundada na lóxica combinatoria da súa natureza hipotética. Deste xeito, se a unidade se vai organizar arredor dun significante privilexiado, este privilexio non se pode derivar da súa distinta posición estrutural, senón dunha inversión radical. Os símbolos de “Solidariedade” en Polonia triunfaron non pola centralidade dos estaleiros Lenin no país, senón polo feito de que expresaban sentimentos radicalmente anti-status quo, por moitas demandas frustradas que non atopaban canais institucionais de expresión no sistema político. Este proceso segundo o cal as identidades deixan de ser puramente inmanentes ao sistema e requiren a identificación cun punto trascendente do sistema -que é o mesmo que dicir: cando unha particularidade adopta o nome dunha universalidade ausente- o que chamamos hexemonía. A súa lóxica é identica á lóxica do “obxecto a”, ao que xa nos temos referido, e, por razóns que xa demos, é esencialmente catachrestical (retórica)”.
“Un último punto precisa a nosa consideración. A operación hexemónica é esencialmente tropolóxica, pero require particulares movementos estratéxicos no contínuom metafórico/metonímico. Outros movementos, sen embargo, son igualmente posibles, xa que o contínuo non prescribe a priori nin a dirección da intervención que ten que ter lugar, ou as diferentes formas de articulación entre os dous polos extremos. Genette presenta a decisión de Proust que fixo posible a existencia dunha narrativa: a decisión. Pero sinala que outras decisións poderían ter sido posibles, nese caso non teríamos unha novela senón unha sucesión de momentos líricos. No mesmo senso, a emerxencia da hexemonía lóxica no pensamento político de Gramsci ten lugar fronte á bagaxe de distintos modos de concebir a tradición Marxista, que se pode describir empregando a distinción metáfora/metonimia”.

