O Instituto Galego de Estatística (IGE) presenta os datos da Enquisa de condicións de vida das familias do ano 2013, que se centrou, como xa acontecera no 2003 e 2008, na análise do coñecemento e uso do galego. A enquisa ofrece datos detallados (segundo idade e ámbito social) sobre coñecemento e uso do galego, así como sobre a percepción do idioma na sociedade. En termos xerais, no que respecta ao uso, o 31,20% da poboación declara falar sempre en galego, o 20,29% máis galego ca castelán, o 22,26% máis castelán ca galego, e o 26,25% só castelán. Se comparamos estes datos cos achegados pola enquisa de 2008, obsérvase un descenso de bilingües con predominio do galego e un ascenso de monolingües en castelán.