----

Seis foros de debate e unha exposición permitirán a reflexión sobre a traxectoria do Consello (1983-2008) e os seus desafíos futuros

<img src="http://consellodacultura.org/wp-content/blogs.dir/1/2008/01/25_anos_3.jpg" alt="" />

<em>Os coordinadores dos encontros do 25º aniversario do CCG</em>

<em>Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2008.- </em>Seis foros de debate e unha exposición conmemorarán ao longo deste ano os primeiros 25 anos do Consello da Cultura Galega (1983-2008). O Presidente, Ramón Villares, presentou hoxe a programación pensada baixo o lema “Crear cultura, imaxinar país”, e puxo o acento nos novos obxectivos que, logo dun traballo que cualificou como “positivo” no primeiro cuarto de século, pasan tamén -ademais das funcións de Alta Asesoría en materia cultural- por facer cada vez mais desta institución estatutaria “un laboratorio de ideas, lugar de encontro, reflexión e diálogo, e un órgano de promoción da imaxe de Galicia no exterior a través da cultura”. Á presentación asistiron o coordinador xeral do programa e Vicepresidente do Consello, Xosé López García, e os responsables dos foros e da exposición: Domingo Docampo, Francisco Díaz Fierros, Henrique Monteagudo, María Luísa Sobrino, Iago Seara, Ramón Máiz e Victor Freixanes.

O Presidente do CCG convida aos usuarios do web a participar nas actividades organizadas polo CCG:


<embed style="400px; height:326px;" id="VideoPlayback" type="application/x-shockwave-flash" src="http://video.google.com/googleplayer.swf?docId=-3540732679523481437&amp;hl=es" flashvars=""> </embed>

<a href="http://www.consellodacultura.org/25anos">
Páxina especial do 25º aniversario no sitio web do CCG</a>

Máis informacións sobre a presentación. <!--more-->

FOROS TRANSVERSAIS E MULTIDISCIPLINARES

Os temas dos foros de debate, transversais, plurais e multidisciplinares, abordan as grandes áreas nas que o Consello ten traballado e seguirá a traballar co obxectivo de “crear cultura, imaxinar país”. “Partimos da idea de que a cultura tivo un papel esencial na configuración de Galicia, idea e vontade da que naceu o Consello que é a súa expresión institucional”, afirmou Villares.
O primeiro foro “Galicia e a sociedade do coñecemento”, dirixido por Domingo Docampo, está previsto para o 3 e 4 de abril e abordará un ámbito de traballo e reflexión -a sociedade da información, a globalización e as tecnoloxías da información- no que o Consello ten dado e seguirá dar pasos significativos.
Francisco Díaz Fierros ocuparase das “Olladas críticas sobre a paisaxe”, un concepto que implica non só o que vemos, senón tamén o país que queremos.
Henrique Monteagudo dirixirá o foro “Sociedades plurilingües: da identidade á diversidade” (19 e 20 de xuño). Unha consideración da problemática do galego desde unha perspectiva ecolingüística.
María Luisa Sobrino será a responsable do foro “Creación artística e identidades culturais” (18 e 19 de setembro). Unha reflexión sobre a cultura contemporánea desde o punto de vista das artes visuais.
“O valor crítico dos bens culturais” (23 e 24 de outubro) estará ao cargo de Iago Seara e analizará particularmente a conciencia da razón de ser e a súa conservación.
Ramón Máiz en “Cultura e política: debates contemporáneos” (1, 2 e 3 de decembro) tratará as diferentes dimensións do xiro culturalista visible nos últimos 25 anos nas ciencias sociais e na filosofía.
Os seis foros complementaranse coa exposición “Vinte e cinco anos de cultura galega”, coordinada por Victor Freixanes, Henrique Monteagudo e Iago Seara, que será inaugurada a mediados de outubro en Vigo e que itinerará logo por Galicia. Pretende dar a coñecer a importancia que para o desenvolvemento da cultura de Galicia tivo a consecución da autonomía en 1981.

NOVOS DESAFÍOS

A conmemoración vai permitir, subliñou Ramón Villares, fixar novos obxectivos, reflexionar sobre o papel da cultura e das institucións culturais e redefinir e ampliar a posición do Consello no marco institucional e no universo cultural de Galicia.
Trátase de impulsar a análise e a avaliación da cultura e facela visible cara ao exterior, asumindo o peso da cultura na identidade galega .
Situar o Consello como un referente da actividade cultural desenvolvida no ámbito asociativo local.
Fortalecer a relación co complexo das industrias culturais e da comunicación e converterse en lugar de encontro, reflexión e diálogo cultural como expresión da pluralidade, especialmente no contexto ibérico.

AO SERVIZO DA CULTURA GALEGA

O Consello da Cultura Galega, que en 2008 celebra os seus primeiros 25 anos, é unha institución estatutaria: a súa existencia vén determinada polo Estatuto de Autonomía de Galicia (artigo 32). Foi creada por Lei do Parlamento de Galicia (Lei 8/1983, do 8 de xullo). Réxese por esta Lei e mais polo Regulamento aprobado pola Xunta de Galicia (Decreto 237/2000, do 29 de setembro).
Ao longo deste cuarto de século esta institución pública ao servizo do conxunto da cultura galega foi presidida por Ramón Piñeiro, Xosé Filgueira Valverde, Carlos Casares e Alfonso Zulueta de Haz. Desde o 20 de abril de 2006 o seu Presidente é Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela.

O Consello é un órgano asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización, ao que compete a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Está composto por representantes de entidades e por personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega. Ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, e actúa con independencia respecto dos poderes da Comunidade Autónoma e da súa Administración.
O Consello da Cultura Galega é un organismo que asume unha responsabilidade de grande trascendencia respecto do papel da cultura no futuro de Galicia. Desde esa perspectiva o Consello é, como afirmou Ramón Villares no acto de toma de posesión como Presidente, “unha peza esencial do entramado institucional do réxime autonómico de Galicia porque ten a misión de servir de canle para a “biodiversidade” propia da creatividade cultural e a obriga de lle dar unha expresión formalizada. Non é un axente creador de bens culturais, senón unha institución de mediación entre a sociedade e os poderes públicos. Para cumprir esta función debo lembrar que esta institución se funda en dous piares básicos: pluralismo na súa composición e autonomía organizativa no seu funcionamento”, engadiu Ramón Villares.
Inseparable na súa dinámica do marco institucional autonómico no que está inserido, o Consello da Cultura Galega que contribuiu desde a súa función de alta asesoría e coas súas actividades e iniciativas á fonda transformación cultural de Galicia, afronta esta conmemoración con novos obxectivos descritos sumariamente no programa de actividades CREAR CULTURA, IMAXINAR PAÍS.
A intensificación dos cometidos de Alta Asesoría cultural, a consideración da institución como unha casa común, un Fogar da Cultura Galega e a proxección exterior da cultura galega son algúns dos desafíos que fai seus o Consello da Cultura Galega para continuar o camiño iniciado en 1983 cando empezou a CREAR CULTURA, IMAXINAR PAÍS.