----

Un ciclo de "Palestras maxistrais" permitirá que expertos do sistema científico e universitario compartan a súa visión da evolución cultural e científica de Galicia

<img src="http://consellodacultura.org/wp-content/blogs.dir/1/2008/01/des_palestras_3.jpg" alt="" />

<em>Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2008.</em>- O Consello da Cultura Galega porá en marcha o día 10 de xaneiro un ciclo de <a href="http://consellodacultura.org/?page_id=282">“Palestras maxistrais”</a> co obxectivo de que os ámbitos científico e cultural tendan pontes que lles permitan compartir camiños e experiencias. A iniciativa conta coa colaboración da Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia e das tres universidades galegas.
O catedrático de Dereito Mercantil da Universidade de Santiago, José A. Gómez Segade, abrirá este ciclo o día 10 de xaneiro ás 17 horas cunha reflexión presentada baixo o título “Quo vadis ius mercatorum? (Especial atención aos camiños da propiedade intelectual)”.
No acto acompañarán ao Presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares os rectores das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña, Senén Barro, Alberto Gago e José María Barja, respectivamente, e Salustiano Mato, Director xeral de I+d+i da Xunta de Galicia.



<!--more-->

CIENCIA E CULTURA


O Consello da Cultura Galega, que este ano cumple e celebra os seus primeiros 25 anos (1983-2008), ven subliñando o feito de que os ámbitos científico e cultural camiñaron sempre da man e que a ciencia constitúe un elemento esencial da cultura que serve para achegar ideas ás grandes problemáticas de todos os tempos. Este é o punto de partida do ciclo de “Palestras maxistrais”, nacido coa pretensión de que grandes expertos do sistema científico e universitario do noso país compartan a súa visión da evolución cultural e científica de Galicia dende cadansúa disciplina.
Estas tribunas han permitir periódicamente a presenza de destacados persoeiros aque exporán os seus puntos de vista científicos vinculándoos coa tradición cultural galega e co futuro do país. En realidade, o ciclo supón tamén un recoñecemento da cultura galega á súa excelencia científica e intelectual.
Logo da intervención inicial do xa citado José A. Gómez Segade, ocupará a tribuna Angel Rodríguez de Lera, quen o día 29 de xaneiro falará sobre “As revolucións científicas na Química”.
Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Gallego Jorreto e Guillermo Rojo serán tamén protagonistas das “Palestras maxistrais” no primeiro semestre de 2008.


PERFIL DE JOSÉ ANTONIO GÓMEZ SEGADE


José Antonio Gómez Segade, nado en Monterrey (Ourense) en 1943, licenciouse e doutorouse en Dereito na USC en 1966 e 1970, respectivamente, con Premio Extraordinario nas dúas ocasións. Logo de ser catedrático dende 1975 nas universidades de San Sebastián e Valencia, en 1981 conseguiu por traslado a Cátedra de Dereito Mercantil na Universidade de Santiago, onde imparte clases na actualidade. No eido administrativo, o profesor Gómez Segade foi secretario e decano de Dereito na USC, vicerreitor e director de Departamento nas universidades de Valencia e Santiago e director do Instituto de Dereito Industrial da USC. No plano internacional, entre outras institucións, é membro do Consello Científico da Oficina Europea de Patentes en Múnich, do Consello Científico das denominacións de orixe da Unión Europea e do Consello Consultivo da Universidade do Minho en Braga.
Por outra parte, destaca tamén polas súas estancias como profesor ou investigador invitado en universidades e centros estranxeiros, como o School of Law University of San Francisco e o Franklin Pierce Law Center, en Estados Unidos, e o Max Planck Institut de Propiedade Industrial, en alemaña.
Conferenciante en numerosas universidades e institucións comerciais de todo o mundo, membro do consello científico de pretixiosas publicacións españolas e estranxeiras, presidente de xurados de teses e concursos de profesores en España, Portugal e Francia, ten recoñecida a máxima avaliación docente e investigadora establecida en España. A estes méritos ha que engadir un prolífico labor de publicación de monografías e artigos e unha importante cantidade de teses doutorais dirixidas, ademais do Premio de Investigación da Xunta de Galicia en 2002.