----

Vinculan a construción das identidades nacionais na contemporaneidade á función desenvolvida polos mass media

<img src="http://consellodacultura.org/wp-content/blogs.dir/1/2007/12/medioscomunicacion2.jpg" alt="" />

<div id="pedefoto"><em> Carmen Pérez Pais e Marcos Varcárcel. Foto CCG. </em></div>

<em>Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2007.</em>- É un feito o papel decisivo desempeñado polos mas media na construción das identidades nacionais na contemporanedade. Josep Lluís Gómez Mompart, catedrático de Periodismo da Universidade de Valencia, foi así de rotundo na intervención que abriu o foro de debate "Medios de Comunicación e Identidade" que esta mañá continuará no Consello da Cultura Galega, coordinado polo profesor Xosé López. Unha conferencia do profesor Marcos Valcárcel e tres mesas redondas sobre medios de comunicación e nacionalismo e os desafíos a afrontar polos medios públicos e os medios privados -na última estiveron os directores dos principais xornais de Glaicia- completaron unha xornada á que asisten máis de oitenta profesionais, estudiantes e investigadores.

<!--more-->

O profesor Gómez Mompart falou do que definiu como intento de ocultar o papel dos medios na construción da identidade nacional española mentras se reserva a dimensión identitaria exclusivamente para a prensa periférica, rexionalista ou nacionalista. A función, sen embargo, cadra a todos os actores mediáticos e así o ilustra un repaso pola ghistoria do periodismo e da comunicación en xeral. "Hai un subsistema comunicativo autonomista ou nacionalista, pero tamén está ben activa a superproteción da identidade nacional española", afirmou.
Marcos Valcárcel, profesor de Historia e experto na historia dos medios impresos en Galicia, fixo un percorrido polo escenario do xornalismo galego desde a apariciòn en 1800 de "El Catón Compostelano" e constatou o importante papel desempeñado polo galeguismo, mesmo desde posicións diverxentes e contrarias, desde finais do século XIX. Non deixou de aludir ás carencias e á falta da consolidación de proxectos importantes en galego máis aló dos medios de titularidade pública e dos esforzos feitos na rede.

Á situación dos medios e o nacionalismo no Estado español aludiron tamén os profesores universitarios Josep Gifreu (Autónoma de Barcelona), José Larrañaga(País Vasco), Juan Antonio García Galindo (Málaga) e Victor F. Freixanes (Santiago de Compostela), que subliñaron a necesidade de reforzar as identidades fronte aos avances da globalización, buscando, como apuntou Freixanes, "estratexias de encontro e alianzas".
Pola tarde os debates xiraron arredor dos desafíos dos medios públicos analzxiados polos profesores universitarios Enric Marín (Autónoma de Barcelona), Xosé Rúas (Vigo), Xosé Luís Barreiro Rivas e Xosé Soengas (Santiago).
Barreiro Rivas, notable impulsor da Compañía de Radiotelevisión de Galicia, amosouse partidario de abandoar os plantexamentos iniciais e modificar o status dos medios públicos "que non están a cumplir os obxectivos fundacionais se descontamos os derivados da normalización lingüística", dixo.
Pola contra, Enric Marín argumentou a necesidade destes medios, moi particularmente da catalana TV3, pero tamén dos casos de Euskadi e Galicia, pola defensa da "cualidade democrática e da diversidade, tamén lingüística, que non sería igual sen esa actuación pública".
A xornada concluiu cunha mesa redonda sobre os desafíos que afrontan os medios privados e que tivo como protagonistas aos directors Xosé Luís Vilela (La Voz de Galciia), Caetano Díaz (Galicia Hoxe), Xavier Otero (Ser-Galicia), Ceferino de Blas (director xeral de Faro de Vigo), Germán Castro (Diario de Ferrol) e Xosé Luís Gómez, editor de xornal.com, moderados por Francisco Campos, profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Univerzsidade de Santiago. As evidentes carencias da lingua galega nos medios impresos foron un dos argumentos referenciais dun debate no que non deixou de reclamarse a colaboración e axuda das institucións públicas para cumprir máis ambiciosos obxectivos normalizadores.

A SESIÓN DE HOXE

Hoxe, martes, a xornada abrirase co relatorio “Lingua, medios e identidade na historia da comunicación en Galicia” a cargo de Henrique Monteagudo, profesor de Filología Galega da Universidade de Santiago e Secrdetario do CCG.
Deseguido o xornalista Marcos Pérez e o catedrático de Ciencias Polìticas da Universidade de Santiago, Ramón Máiz, falarán sobre “Os medios impresos galegos na construción identitaria da Galicia autonómica”.
Luís Álvarez Pousa, profesor de Xornalismo da Universidade de Santiago, protagonizará o relatorio “A NOSA TERRA” na construción identitaria de Galicia: cen anos co país” e dará paso á mesa redonda sobre “A Nosa Terra na construción identitaria da Galicia actual” coa participación de: Lois Rodríguez, editor de Vieiros; Alfonso Eiré, conselleiro-delegado e exdirector de A Nosa Terra”; Xosé Manuel Vega, Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Xosé Ramón Pousa, profesor de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago e integrante da primeira redacciòn da etapa actual do semanario.
Para as 13´30 horas está fixada a conferencia de clausura sobre “Medios e identidade: camiños de pasado, de presente e de futuro”, que pronunciará Margarita Ledo Andión, catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago e primeira directora da actual etapa de “A Nosa Terra”.