O programa de intercambio de investigadores e creadores permitiralles a dúas persoas desenvolver unha estadía de tres meses nas instalacións Casa de Velázquez. Durante ese tempo, as persoas beneficiarias desas bolsas realizarán traballo de investigación e de creación artística axustado a unha memoria-proxecto en que se valorará a relevancia para a proxección da cultura galega. Estas bolsas créanse en homenaxe á actriz María Casares, que foi o máximo expoñente da presenza da cultura galega en Francia.
En virtude deste convenio, a Casa de Velázquez encárgase da estadía e de poñer a disposición dos beneficiarios da bolsa os espazos de traballo e de documentación dos que dispón. Pola outra parte, o Consello da Cultura Galega ofrecerá unha axuda de custo. A convocatoria do programa de bolsas terá lugar durante a primavera co obxectivo de que este primeiro programa se desenvolva no último trimestre do ano.
Esta liña de acción encádrase dentro do mandato fundacional do Consello da Cultura Galega de investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego, así como de organizar actuacións culturais apropiadas aos obxectivos do Consello dentro e fóra de Galicia.
Casa de Velázquez
A Casa de Velázquez ten a misión de desenvolver actividades creadoras e investigacións relacionadas coas artes, as linguas, as literaturas e as sociedades de países ibéricos, iberoamericanos e do Magreb. Tamén ten a vocación de contribuír á formación de artistas, investigadores e docentes-investigadores así como de participar no desenvolvemento de intercambios artísticos e científicos entre Francia e os países relacionados.
Este convenio insírese nunha liña de traballo continuada entre o Consello da Cultura Galega e a Casa de Velázquez, grazas á que se desenvolveron actuacións como o seminario realizado en 2009 baixo o título“Imaxinarios nacionalistas e identidade nacional española no século XX”.


