<em>Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2007.</em>- Vinteseis investigadores da comunicación, expertos e xornalistas intervirán no foro de debate sobre “Medios de comunicación e identidade” previsto para os días 10 e 11 de decembro no Consello da Cultura Galega (CCG). As sesións permitirán analizar o papel dos medios na construción identitaria e na difusión da lingua e da cultura de Galicia, segundo os obxectivos fixados pola Sección de Comunicación, que dirixe Xosé López García, profesor de Xornalismo da Universiade de Santiago e vicepresidente do CCG.
<!--more-->
O programa iniciarase coas conferencias de Josep Lluís Gómez Mompart, catedrático de Periodismo da Universidade de Valencia, e Marcos Valcárcel, profesor de Historia e experto na historia dos medios impresos en Galicia, que falarán, respectivamente, de “Medios de comunicación e nacionalismo no Estado: unha visión con perspectiva histórica” e “Medios de comunicación e nacionalismo en Galicia”.
Seguirán tres paneis sobre “Medios de comunicación e nacionalismo no Estado español no século XXI” coas perspectivas aportadas polos profesores de Xornalismo, Josep Gifreu Pinsach (Universidade Pompeu Fabra), José Larrañaga (Universidade do País Vasco), Juan Antonio García Galindo (Universidade de Málaga) e Victor F. Freixanes (Universidade de Santiago).
Pola tarde os profesores Enric Marín (Universidade Autónoma de Barcelona), Xosé Rúas (Universidade de Vigo), Xosé Luís Barreiro Rivas e Xosé Soengas (Universidade de Santiago), reflexionarán sobre “Nacionalidades históricas e medios públicos. Desafíos a curto e medio prazo”.
O debate sobre “Nacionalidades históricas e medios privados. Desafíos a curto e medio prazo” cerrará a primeira xornada e contará coas intervencións dos directores: Lois Caeiro (El Progreso), Xosé Luís Vilela (La Voz de Galicia), Caetano Diaz (Galicia Hoxe) Xavier Otero (Ser-Galicia) e Germán Castro (Diario de Ferrol) e ademais, Ceferino de Blas (Director Xeral de Faro de Vigo), Xosé Luís Gómez (editor de xornal.com) e Francisco Campos, profesor de Xornalismo da Universidade de Santiago.
SOBRE A IDENTIDADE
O día 11 de decembro abrirase co relatorio “Lingua, medios e identidade na historia da comunicación en Galicia” a cargo de Henrique Monteagudo, profesor de Filología Galega da Universidade de Santiago e Secrdetario do CCG.
Deseguido o xornalista Marcos Pérez e o catedrático de Ciencias Polìticas da Universidade de Santiago, Ramón Máiz, falarán sobre “Os medios impresos galegos na construción identitaria da Galicia autonómica”.
Luís Álvarez Pousa, profesor de Xornalismo da Universidade de Santiago, protagonizará o relatorio “A NOSA TERRA” na construción identitaria de Galicia: cen anos co país” e dará paso á mesa redonda sobre “A Nosa Terra na construción identitaria da Galicia actual” coa participación de: Lois Rodríguez, editor de Vieiros; Alfonso Eiré, conselleiro-delegado e exdirector de A Nosa Terra”; Xosé Manuel Vega, Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Xosé Ramón Pousa, profesor de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago e integrante da primeira redacciòn da etapa actual do semanario.
Para as 13´30 horas está fixada a conferencia de clausura sobre “Medios e identidade: camiños de pasado, de presente e de futuro”, que pronunciará Margarita Ledo Andión, catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago e primeira directora da actual etapa de “A Nosa Terra”.

