A convocatoria establece que o Consello da Cultura Galega ofrecerá unha axuda de custo para esa estadía, que se ha de realizar antes do vindeiro mes de novembro; mentres que a Casa de Velázquez se encarga do aloxamento e de poñer a disposición das persoas beneficiarias da bolsa os espazos de traballo e de documentación dos que dispón.
Para ambas as dúas bolsas, a persoa beneficiaria deberá estar en posesión dun título universitario e presentar unha memoria-proxecto. No caso da bolsa de investigación, a proposta ha de pertencer ao ámbito das ciencias humanas e sociais, cuxas fontes ou terreo de referencia se atopen en Madrid, e terá que ver coa cultura e a historia de Galicia e a proxección da cultura galega, notablemente no mundo francófono. Para a bolsa de creación (debuxo, cine, fotografía, gravado, vídeo ou composición musical), a persoa candidata deberá estar avalada por un responsable dun centro de creación, ou dun museo ou dun conservatorio. No proxecto de creación deberase xustificar tanto a necesidade da estadía en Madrid como a da proxección da cultura galega.
Casa de Velázquez
A Casa de Velázquez ten a misión de desenvolver actividades creadoras e investigacións relacionadas coas artes, as linguas, as literaturas e as sociedades de países ibéricos, iberoamericanos e do Magreb. Tamén ten a vocación de contribuír á formación de artistas, investigadores e docentes-investigadores así como de participar no desenvolvemento de intercambios artísticos e científicos entre Francia e os países relacionados.
Este convenio insírese nunha liña de traballo continuada entre o Consello da Cultura Galega e a Casa de Velázquez, grazas á que se desenvolveron actuacións como o seminario realizado en 2009 baixo o título“Imaxinarios nacionalistas e identidade nacional española no século XX”. Esta liña de acción encádrase dentro do mandato fundacional do Consello da Cultura Galega de investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego, así como de organizar actuacións culturais apropiadas aos obxectivos do Consello dentro e fóra de Galicia.
Descarga a convocatoria (en .pdf DOG num 54, 19 de marzo de 2015)


