<img src="http://consellodacultura.org/wp-content/blogs.dir/1/2007/12/imax2.jpg" alt="" />
<div id="pedefoto"><em>Angel López García-Molíns e Nel Vidal Barral. Foto CCG</em></div>
<em>Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2007.</em>- O I Seminario de Planificación Lingüística rematou hoxe con queixas sobre o real impulso ás linguas oficiais desde o Estado e co cuestionamento das posibilidades dunha política lingüística de Estado. Neste senso foi categórico Josep Bargalló (Institut Ramón Llull e ex-Conseller en Cap da Generalitat de Cataluña) para quen o consenso na materia resultaría "case imposible neste momento". O seminario, organizado polo Centro de Documentaciòn Sociolingüística do Consello da Cultura Galega, analizou durante dous días os modelos educativos en Galicia e en España e algunhas actuacións fronte á diversidade lingüística hispana.
<!--more-->
Josep Bargalló amosouse pesimista respecto da posibilidade dunha verdadeira política lingüística de Estado -sería necesaria, dixo, pero non é posible- e cuestionou asemade a actuación do Instituto Cervantes. "Creo que teremos que pensar mesmo na implementación dun instituto propio, afirmou.
Previamente Benjamín Tejerina (Universidade o País Vasco), Alba Nogueira (Universidade de Santiago) e Francisco Moreno (Universidade de Alcalá de Henares) subliñaran tamén incumprimentos e carencias en materia lingüística, de recoñecemento efectivo da diversidade lingüística, por parte da Administración do Estado e, nomeadamente, pola Administración da Xustiza.
Pola mañá Casto Fernández, subdirector académico do Instituto Cervantes, e José María García, asesor do Ministerio de Administracións Públicas, deron conta de iniciativas para impulsar desde o Estado as linguas cooficiais. Iniciativas insuficientes, segundo María Sol López, Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, que aludiu a carencias de apoio e recoñecemento por parte da Xustiza, da Administración do Estado e dos medios de comunicación de titularidade pública estatal. Con anterioridade, Angel López García-Molíns (Universidade de Valencia) botara en falta máis reais demandas e apoios da cidadanía dun Estado que pasou da monoglosia á diversidade.

