“Foi coa LOXSE coa que se multiplicaron os funcionarios, os conservatorios e coa que o estudo artístico, nomeadamente o musical, acabou tendo verdadeiro peso” apuntou Rodrigo Porral, membro da Sección de Música e de Artes Escénicas na inauguración. Xa a propia LOXSE anticipara esa sobrecarga lectiva e dedicara un artigo a detallar medidas para facilitar a simultaneidade de estudos como “as validacións ou a creación de centros integrados”. Unha idea que sobreviviu ás diferentes reformas educativas sen que tivese unha repercusión efectiva. “En toda España existe apenas unha ducia de centros integrados, o que dá conta da escasa repercusión deste formato que permite reducir horas de clase e concentra nun único espazo físico todas as clases ás que ten que asistir un alumno” explicou Francisco Luis Lemes Castellano, responsable do Servizo de Ensino Artístico do Goberno de Canarias. É nesa comunidade onde agardan implantar para o vindeiro curso un modelo integrado para danza. “Resulta máis doado facelo naqueles estudos que non existían, como é no noso caso a danza, á hora de xestionar infraestruturas e integrar profesorado de distintos corpos” puntualizou. Castellano lamenta a escasa implantación e a leve esixencia por parte dos pais nesta materia.
A relevancia dos estudos artísticos
A xornada serviu tamén para poñer en común un feito alarmante que sucede en toda España: o incremento da taxa de abandono dos estudos artísticos cando os adolescentes comezan a cursar estudos de bacharelato. Por iso, todos os participantes incidiron na importancia de evidenciar os estudos artísticos na formación integral da cidadanía e na necesidade de reforzar fórmulas para conter esa baixada de alumnado. O profesor Víctor Pliego de Andrés propuxo unha transformación da configuración curricular que permita fusionar as materias e converter o ensino nun proxecto. “¿Por que impartir de xeito separado música, matemáticas, ximnasia e francés?, ¿non sería máis cómodo dar matemáticas en francés e ximnasia con música?” preguntou. Foi Elna Matamoros, bailarina do Centro Nacional de Danza, quen puxo sobre a mesa a particularidade do estudo da danza desde o punto de vista da integración e da especialización. Canda ela, a directora de Servizos Culturais do Institut del Teatre de Barcelona, Mercè Saumell, fixo unha descrición pormenorizada do ensino de artes escénicas en Cataluña. A sesión pechou cunha mesa redonda moderada por Luís Costa na que participaron todos os relatores da xornada.
Antecedentes
A Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega xa abordara esta materia. Foi en 1999 cunha serie de iniciativas encamiñadas a coñecer como funcionaba un centro integrado de música. Daquela analizáronse dous modelos (A escola profesional de Viana do Castelo e a Manglerud Viderenganende Skole en Oslo), despois tivo lugar a xornada “Eduación musical (O centro integrado de música)” e a elaboración dun proxecto técnico sobre a viabilidade de crear en Galicia un centro de similares características aos estudados. Agora, ante o feito de actualidade da implantación do calendario da LOMCE, a Sección de Música e Artes Escénicas pon sobre a mesa de novo o debate pero coa necesidade de reflexionar e propoñer accións encamiñadas a poñer en valor o ensino artístico no marco do sistema educativo.


