NOTICIA

----

O presidente do Consello da Cultura Galega recibe a proposta do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, recibiu esta mañá de mans do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o Documento estrutural básico do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020. O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega (RAG) son as dúas primeiras entidades en recibir este documento que contén a proposta inicial de traballo. O encontro tivo lugar na Sala Eisenman da Cidade da Cultura no que tamén participaron Xesús Alonso Montero e Henrique Monteagudo, presidente e secretario da RAG, respectivamente, e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.

O presidente do Consello da Cultura Galega valorou a iniciativa de xeito positivo á espera da análise e estudo das propostas que contén o documento. Ademais, avanzou a disposición da entidade que preside na colaboración no proceso que inicia agora a fase de consultas.